Luns 25 de Xuño de 2018

A Consellería de Infraestruturas inicia hoxe as obras de construción dunha senda na estrada OU-310, en Vilardevós


Estas actuacións, que foron adxudicadas á empresa Hordescon S.L por un importe de máis de 43.000 euros, teñen un prazo de execución de tres meses

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), inicia hoxe as obras de execución dunha senda na estrada OU-310, en Vilardevós.

Estas actuacións, que foron adxudicadas á empresa Hordescon S.L por un importe de máis de 43.000 euros, teñen un prazo de execución de tres meses, aínda que se axilizará o máximo posible.

O proxecto consiste na construción dunha senda peonil en formigón con mallazo pola marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 13+180 (onde rematan as beirarrúas de Vilardevós) e o 13+570. Neste tramo atópanse varias instalacións deportivas do municipio como o campo de fútbol ou a pista de baloncesto. O ancho será variable, adaptado á liña dos cerramentos existentes.

Estes traballos tamén incluirán a colocación dun colector para o transporte das augas de drenaxe en dous pequenos treitos nos que resulta necesario.

Estas actuacións teñen beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; para as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio, buscando menos contaminación acústica e mellorando a calidade do aire, ao reducir a emisión de gases contaminantes.

Deja un comentario