Xoves 15 de Novembro de 2018

Manuel Baltar: “O Polígono de San Cibrao é un exemplo de cooperación e de crer no potencial da provincia en Ourense”


O presidente da Deputación clausurou a asemblea anual da asociación de empresarios e destacou “a alianza de cooperación” que manteñen o goberno provincial e esta organización empresarial, “sempre co obxectivo de potenciar a competitividade e mellorar o noso territorio”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, na clausura da asemblea xeral anual da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao que esta organización empresarial “é un exemplo de cooperación, de excelencia e de crer no potencial da provincia de Ourense”. O presidente provincial destacou “a alianza de cooperación” que manteñen o goberno provincial e esta organización empresarial, “sempre co obxectivo de seguir potenciando a competitividade e mellorando o noso territorio”.No decurso do acto foron homenaxeados os empresarios Odilo Rodríguez Codias, fundador do grupo Alaska, e José Enrique Rodríguez López, fundador do grupo Rodríguez López, como recoñecemento á súa traxectoria empresarial e á excelencia no seu labor.Baltar expresou no seu discurso “a importancia que supón traballar unidos polo presente e o futuro da nosa provincia, motivo polo cal todos debemos crer nas potencialidades do noso territorio e fuxir do vitimismo”. “Xestionar ben e planificar é o camiño da eficacia, a eficiencia e a excelencia, algo que coñecen moi ben os empresarios hoxe homenaxeados e todos os que integran esta asociación e este gran motor económico de Galicia que é o Polígono de San Cibrao das Viñas”, remarcou o presidente provincial.Manuel Baltar afirmou: “Tendes un aliado na Deputación de Ourense”, citando como exemplo a cooperación que a institución provincial presta no ámbito das emerxencias e bombeiros, “porque sempre as propostas e os proxectos da asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao son razoados, sólidos, e contribuen a seguir facendo máis grande esta área empresarial, fundamental para a economía da provincia de Ourense”.O presidente do goberno provincial subliñou dúas palabras que considera claves no desenvolvemento dunha empresa: “A “paixón”, que leva ao empresario a innovar e perseguir os seus obxectivos, e a “especialización”, que o impulsa a ser o mellor no seu ámbito; dúas palabras que Baltar dixo extensivas a todos os empresarios do polígono e que serviron para agradecerlle ao presidente da asociación, Elías Mera, o labor que vén desenvolvendo á fronte da organización empresarial e para felicitar aos dous empresarios homenaxeados hoxe: Odilo Rodríguez Codias e José Enrique Rodríguez López, “excelentes exemplos de sacrificio emprendedor e de amor pola súa terra”, afirmou Manuel Baltar.O presidente provincial asegurou que a Deputación de Ourense “está e seguirá estando co polígono de San Cibrao, ao carón do emprendemento, dos xóvenes empresarios e de aqueles con anos experiencia, porque Ourense, a Deputación e a asociación de empresarios debemos seguir traballando xuntos a prol da mellora do noso territorio”.Neste sentido, referíndose á importancia da cooperación do sector público co empresarial, Manuel Baltar destacou que Ourense será sede e provincia fundadora do Consello Europeo de Economía Sostible (European Sustainable Economy Council), “unha asociación que permitirá a cidadáns, empresas e administracións da Unión Europea ter unha maior fortaleza e presenza nas políticas medioambientais e participar activamente nos ámbitos da “economía verde”, favorecendo a posta en marcha de proxectos empresariais e sociais que avancen na cultura da sostibilidade”.A elección de Ourense para acoller esta sede europea –dixo- “é consecuencia directa da misión comercial USA, na que participou o presidente do Consello Americano de Negocios Sostibles (ASBC), David Levine, quen avaliou o compoñente medioambiental do goberno provincial”. Manuel Baltar impulsa a creación desta asociación desde Ourense para Europa, logo de asinar con David Levine, presidente da ASBC -que engloba a 250.000 empresas USA-, un acordo de colaboración para potenciar as políticas medioambientais nas empresas e administracións públicas europeas en cooperación co organismo norteamericano.

Deja un comentario