Sábado 15 de Agosto de 2020

A reparación de infraestruturas da zona termal de Outariz estará lista para o final do mes de outubro


O investimento é de 82.000 euros, mediante un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para a promoción, difusión e fomento do turismo

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, visitaron esta tarde a zona termal de Outariz, que está sendo obxecto dunha intensa reparación na infraestrutura básica para o usuario. “Logo dos danos sufridos a causa das intensas choivas do inverno e do vandalismo, estamos a recuperar unha infraestrutura básica para o turismo da cidade, cuestión prioritaria para proxectar unha imaxe dinámica e aberta da nosa cidade” asegurou o alcalde durante o percorrido.

Estas actuacións supoñen un investimento de 82.000 euros, sufragados mediante un convenio entre a Xunta (a través da Axencia de Turismo de Galicia) e o Concello de Ourense dentro do Plan Integral de Turismo de Galicia para a promoción, difusión e fomento do Turismo en Galicia. O departamento autonómico achega 70.000 euros, polos 12.000 da administración local.

Os traballos de reparación e adecuación das instalacións céntranse no bar con terraza cuberta, aseos públicos (tanto de mulleres, homes coma de persoas con mobilidade reducida), vestiarios con taquillas (estropeadas polo mal uso e o vandalismo) e punto de información turística. Estas obras están orzamentadas en 57.000 euros e rematarán, cumprindo cos prazos establecidos, o 31 de outubro. “Realízanse tentando minimizar o impacto nos usuarios e, polo tanto, fóra da campaña de verán”, dixo o rexedor.

O convenio inclúe unha segunda liña de sinalización: Instalación e renovación de paneis informativos no paseo da ribeira do Miño entre as áreas termais da Chavasqueira, O Tinteiro, Muíño da Veiga, Outariz e a Burga de Canedo, grazas ás que os usuarios terán información sobre recomendacións e normas de uso, propiedades das augas, etc. O orzamento é de 25.000 euros.

“Queremos restablecer a normalidade no espazo termal máis singular da nosa cidade”, comentaba Vázquez Abad, “e para elo acadamos importantes acordos con outras administracións para poder acometer traballos froito da cooperación institucional. Non debemos esquecer a adecuación dos camiños grazas á colaboración da Deputación e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”

Deja una respuesta