Martes 17 de Xullo de 2018

Parada de Sil acollerá un curso de especialización en restauración de Granito


Durante os días 21, 22 e 23, profesionais de diferentes disciplinas, analizarán neste municipio, o estudo, conservación e xestión do patrimonio cultural

O Concello de Parada de Sil acollerá un curso de especialización en restauración de granito, durante os días 21, 22 e 23 de outubro, onde se darán cita profesionais e estudantes de diferentes disciplinas entre as que se atopa a conservación, a arqueoloxía, a arquitectura, a bioloxía, a cantería, entre outras, todas elas cun nexo común, o estudo, conservación e xestión do patrimonio cultural. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa do Concello de Parada de Sil, Yolanda Jácome; e o organizador do curso e conservador-restaurador, Gonzalo Buceta.A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa formativa que “converterá durante eses días a Parada de Sil, no epicentro a nivel cultural, da especialización sobre o granito”, explicou Rosendo Fernández, quen agradeceu ao concello “o seu servizo ao patrimonio cultural da localidade”.O curso, que se desenvolverá baixo o lema “Alteración, análise, prevención e conservación do Granito”, será impartido por profesionais do ámbito académico, científico e empresarial e está dividido en tres bloques: “un deles de carácter educativo e docente, outro eminentemente práctico, no que realizarán análises para estudar as propiedades do granito, e un último espazo de carácter lúdico que inclúe a visita ao Mosteiro de Santa Cristina, e á necrópole medieval de San Vítor de Barxacova”, explicou Gonzalo Buceta. Asemade dentro da programación do curso atópase a celebración dun magosto “para que estudantes e empresarios se coñezan”, engadiu Gonzalo Buceta.O organizador do curso dixo que esta iniciativa parte da crenza de que o granito “forma parte da idiosincrasia galega e, desde tempos remotos, ven a ser un vehículo de expresión do noso patrimonio cultural, e en Parada de Sil encontramos no xacemento de San Vítor de Barxacova, unha necrópole que conta con 55 tumbas antropomorfas, que están traballadas directamente sobre esta roca”.O obxectivo deste curso é “universalizar os coñecementos adquiridos durante estes anos, promocionar o Concello de Parada de Sil e devolverlle un retorno económico aos cidadáns e ao propio concello”, sinalou Gonzalo Buceta.No que respecta á participación, Gonzalo Buceta explicou que se cubriron as 50 prazas ofertadas e que “continuamos a recibir peticións para inscribirse, o que demostra o interese do curso. Contamos con xente de Castela e León, Valencia, Asturias, Portugal, Xenebra, entre outros lugares”.Pola súa parte, Yolanda Jácome salientou que esta iniciativa pretende “facer visible o rural” e dixo que o Concello de Parada de Sil “aposta pola posta en valor do seu patrimonio histórico, cultural e natural, entendendo que calquera acto que conduza a ese fin nunca será un custe senón unha aposta de futuro e, polo tanto, unha inversión”.

Deja un comentario