Luns 25 de Xuño de 2018

Ángeles Vázquez enxalza os viños de Galicia e do Ribeiro e define a viticultores e adegueiros como artífices da súa proxección internacional


A conselleira do Medio Rural pronunciou o pregón da XXVII edición da Festa da Vendima de Leiro, acompañada polo alcalde desta localidade ourensá

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, enxalzou as bondades dos viños galegos en xeral e dos do Ribeiro en particular, que “coa súa grande complexidade de aromas representan o carácter das nosas xentes”. Agradeceu, ademais, o traballo realizado polos viticultores e adegueiros que son –dixo– “os artífices dos grandes éxitos que están acadando os nosos viños no panorama nacional e tamén no eido internacional”.

A conselleira pronunciou o pregón da XXVII edición da Festa da Vendima de Leiro, acompañada polo alcalde da localidade, Francisco Fernández, e destacou a importancia económica, social e cultural deste tipo de celebracións. Lembrou que en Galicia a meirande parte das festas son gastronómicas e moitas delas están dedicadas a poñer en valor o viño, un “produto antigo coma o home”, engadiu. Neste mesmo sentido, salientou tamén o impacto positivo das celebracións no comercio e a hostalería locais, así como na actividade que desenvolven produtores e adegueiros.

Ángeles Vázquez sinalou que por todos estes motivos a Xunta escolleu Leiro para asentar a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, a Evega, un centro de referencia nos eidos da formación e a aplicación da I+D+i ao mundo do viño. Tamén puxo en valor a relevancia artística e cultural do patrimonio destas terras, con mención especial ao emblemático mosteiro de San Clodio.

O programa desta festa da vendima inclúe diversos actos, entre eles un desfile de carrozas e charangas que remata no campo da feira, un mercado artesanal, un xantar popular e diferentes actividades infantís e musicais.

Deja un comentario