Venres 07 de Agosto de 2020

Medio Ambiente destina máis de 260.000 euros á rehabilitación da praza e alameda de Covadonga, no concello de Ourense


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asinaron o convenio de colaboración para a execución desta actuación

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asinaron un convenio de colaboración, cunha dotación global de máis de 260.000 euros, que permitirán executar un actuación en materia urbanística neste concello.

Grazas e este convenio, que se inscribe no Plan Hurbe, acometerase a rehabilitación da praza e da alameda de Covandonga, ubicada na zona da Ponte, na marxe dereita do río Miño, e polo tanto integrada no tecido urbano da cidade. Concretamente, na Alameda de Covadonga completarase a zona de xogos infantís con novas unidades e se creará unha nova zona para elementos biosaludables.

No caso da praza, dotarase dunha nova instalación eléctrica, soterraranse as canalizacións aéreas das redes de distribución, colocarase un novo alumeado e mellorarase os viarios do perímetro da praza a través dun novo asfaltado.

Tal e como lle manifestou a conselleira a alcaldesa, a Xunta promove e colabora neste tipo de actuación co obxectivo de rehabilitar, recuperar e conservar os equipamentos urbanos municipais, co fin de mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns e do público en xeral.

Plan Hurbe
O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sostibilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

Deja una respuesta