Domingo 23 de Setembro de 2018

Xunta, Deputación de Ourense e Concello de Bande melloran os accesos viarios á vila


As obras consistirán na ampliación da vía de entrada a Bande, a construción de beirarrúas, e actuacións en abastecemento e alumeado público

A Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de Bande mellorarán os accesos viarios á vila. Así se reflicte no convenio asinado entre as tres administracións, e que ten como obxectivo mellorar a mobilidade e seguridade na estrada de entrada á vila, a travesía OU-540. A obra consistirá “na ampliación da vía, beirarrúas, e actuacións en abastecemento e alumeado público”, segundo explicou a presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que detallou que o investimento ascende a 244.000 euros, sendo o 70 % financiado pola Xunta de Galicia e o 30 %, pola Deputación de Ourense, mentres que o Concello de Bande licitará e executará as obras, que teñen como prazo de remate finais de 2017.O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou “a importancia da cooperación entre administracións, que fai posible actuacións deste tipo”. En concreto, no que atinxe a esta obra, Baltar explicou que a achega económica para esta infraestrutura foi aprobada no pleno do pasado mes de xullo da Deputación de Ourense, “un exemplo máis da colaboración entre as administracións autonómica, provincial e local en favor dos concellos do rural da provincia de Ourense para mellorar os servizos e a calidade vida das veciñas e veciños”.Pola súa banda, José Antonio Armada, alcalde de Bande, agradeceu á Deputación de Ourense e a Xunta “a realización desta obra tan demandada na nosa vila, que mellorará a accesibilidade da entrada a Bande”.As actuacións consistirán na instalación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e alumeado, na construción de beirarrúas e na sinalización horizontal e vertical da travesía, para o cal será necesario demoler a antiga caseta de legoeiros.

Deja un comentario