Martes 22 de Setembro de 2020

Concello e Xunta dotarán de iluminación á pasarela peonil de Oira, cun investimento de 60.000 euros


A Xunta de Goberno Local aprobou o convenio que permitirá executar as obras, que financiará integramente a Xunta

O Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, dotarán de iluminación á pasarela peonil de Oira. A Xunta de Goberno Local aprobou en xuntanza o convenio de colaboración que fará posible a execución destas obras, que suporán un investimento de 59.915,22 euros por parte da Xunta de Galicia.

A pasarela, que comunica as dúas marxes do rio Miño e dá continuidade ao paseo peonil existente nambas ribeiras, está en servizo desde xullo de 2011, e é transitada diariamente por multitude de persoas que desfrutan dos paseos fluviais e que a utilizan como vía de acceso ao complexo deportivo municipal de Oira.

Sen embargo, a falta de iluminación impide que poda ser disfrutada nas condicións axeitadas fora do horario diurno, dados os riscos que supón a carencia de alumeado de balizamento nocturno.

Así, para dar cumprimento tanto á normativa estatal coma á autonómica en materia de accesibilidade de espazos público e de supresión de barreiras, é preciso abordar as actuacións de iluminación da pasarela de xeito que se axuste aos requerimentos de iluminación que garanticen a súa utilización autónoma, segura e con comodidade para todas as persoas.

As obras consistirán basicamente na instalación de proxectores led ao longo da pasarela, de xeito que permitan manter os niveis esixidos de iluminación e ao mesmo tempo, acentuar o seu percorrido curvo e os seus tirantes de aceiro. A iluminación do acceso á pasarela realizarase mediante balizas de aceiro cuxo deseño permite a mimetización no entorno.

O investimento será realizado pola Axencia Galega de Infraestruturas. O Concello autorizará as obras, cedendo os terreos necesarios para a súa execución, e asumirá a titularidade das instalacións de alumeado executadas pola Axencia, e a súa explotación, mantemento e conservación.

Pasarela que pecha o circuito de sendas peonís do río Miño
No marco das actuacións de recuperación e acondicionamento das marxes do río Miño, coa execución de sendas fluviais ao seu paso pola cidade de Ourense, que ven desenvolvendo o Concello, en maio do ano 203 asinouse un convenio de colaboración coa Administración do Estado, con cargo ao cal se construiu unha pasarela peonil no extremo na zona de Outariz.
No ano 2008, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, a través da Dirección Xeral da Auga, a petición do Concello, incluiu no Fondo Especial do Estado para a Dinamización da Economía e do Emprego (Plan E), a obra do “Proxecto para a execución dunha pasarela peonil sobre o río Miño no lugar de Oira”, que permitiu completar toda a actuación de recuperación das marxes, pechando o circuito peonil no seu extremo norte. As obras remataron en xullo de 2011.
O esquema estrutural da pasarela peonil, de tipoloxía atirantada, consiste nun tableiro sostido de dous mástiles por medio de tirantes de cable de aceiro. A distancia entre as cimentacións dos mástiles é de 110m, de xeito que se salva o cauce normal do río Míño sen apoios intermedios. De cada mástil parten sete tirantes cara o tramo central do tableiro e outros sete cara o extremo correspondente do tableiro e a zona de retida en estribo ou en tableiro con péndolas verticais.

Deja una respuesta