Martes 22 de Setembro de 2020

Concello e CHUOU asinan un convenio de colaboración en materia de Voluntariado para a atención de persoas


Cinco persoas, en principio, atenderán as necesidades das persoas que presenten limitacións na súa autonomía e que acudan sen compañía. O programa pode ir ampliándose en virtude do número de voluntarios e das demandas do servizo

O Concello de Ourense e a xerencia do Complexo Hospitalario Ourensán (CHUOU) asinaron esta mañá un convenio de colaboración en materia de Voluntariado, o programa Achégate, para darlle cobertura asistencial ás persoas que o precisen dentro do hospital.

Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, aseguraba que “a propia configuración e organización deste centro, con moitas consultas e plantas, fai que algúns pacientes perciban certa dificultade no entorno, sensación que se agrava naquelas persoas que presentan limitacións na súa autonomía e que acoden sen acompañante”. Por iso, “os voluntarios municipais realizarán as tarefas de acompañamento de luns a venres emprazándose no Punto de Información do CHUOU, e ampliando a cobertura todo o que sexa necesario”, dixo.

A xerente do CHUOU, Eloína Núñez, deixou claro que “os voluntarios nunca suplantarán o persoal sanitario ou non sanitario do centro, pero suporán unha grande axuda para todos os usuarios do mesmo”. Grazas ao programa Achégate, cinco voluntarios xestionados polo Concello de Ourense farán labores de compañía e tamén de acompañamento: Información, xestión e apoio dentro do centro hospitalario e participación activa en obradoiros dentro do centro son algunhas das encomendas que asumirán os voluntarios.

A Oficina Municipal de Voluntariado e o propio CHUOU irán dialogando para cubrir as necesidades, que se poderían ampliar en función do número de voluntarios e da propia demanda.

Para anotarse no programa Achégate, na Oficina Municipal de Voluntariado (praza de San Martiño 2 – baixo) ou no teléfono 988 388 172.

Deja una respuesta