Sábado 21 de Setembro de 2019

Ourense renova os lazos fraternais coa cidade gala de Quimper logo de dez anos dende a súa irmandade


A delegación ourensá está composta polo alcalde Jesús Vázquez e a primeira tenente de alcalde, Sofía Godoy

As cidades de Ourense e Quimper, na Bretaña francesa, renovan os lazos fraternais no décimo aniversario da súa irmandade. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e a primeira tenente de alcalde, Sofía Godoy, asisten desde hoxe á recepción que o seu homólogo francés, Ludovic Jolivet. A axenda institucional marca unha recepción oficial esta noite, na que coincidirán cos responsables da cidade grega de Lavrio.

Mañá serán recibidos na casa do concello por Thomas Couturier, concelleiro e delegado do irmandamento e realizarán unha visita por Quimper en horario de mañá. Xa pola tarde, reuniranse para revisar a acta de irmandade e, ás 19:30 horas, formalizarán a sinatura. A delegación ourensá estará de volta o mesmo sábado pola mañá.

O 16 de xullo de 2006, as dúas cidades asinaban un protocolo de irmandade “en base ás relacións cordiais que permitan un progreso conxunto e o desenvolvemento de cohabitación cultural, económica e turística nos terreos da saúde, deporte, xuventude e desenvolvemento rural”. Neste tempo, a cidade de Ourense recibiu numerosas delegacións da cidade bretona, especialmente relacionadas co intercambio de estudantes no ámbito do hostalería, e asistiron a numerosos cursos de formación grazas ao salón internacional Xantar. Porén, tamén se traballou moito no ámbito social, xa que os rexedores de Quimper importaron o modelo de centros cívicos da cidade de Ourense.

No apartado institucional, Ourense recibiu a visita do actual alcalde de Quimper, Ludovic Jolivet, en novembro de 2014. No mes de setembro, unha delegación da cidade gala ten previsto facer desde Ourense o Camiño de Santiago a través da Vía da Prata.

A cidade de Ourense mantén lazos de irmandade con Vila Real (Portugal) desde 1981, co distrito cubano Plaza de la Revolución (2000), con Tlalnepantla de Baz (México) desde 2002 e con Quimper (2006).

Deja un comentario