Domingo 16 de Xuño de 2019

O Concello realizará melloras estruturais en catro camiños do rural da cidade e na praza de Covadonga


Con investimentos de 218,714 euros, achegados pola Consellería de Medio Rural, e de 229.050 euros das arcas municipais respectivamente, preténdese mellorar a calidade de vida dos habitantes e darlle valor aos barrios a través da modernización e renovación das infraestruturas

A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou esta mañá importantes melloras nas infraestruturas da cidade, concretamente en catro camiños do rural e na praza de Covadonga. Grazas á colaboración da Consellería de Medio Rural, que achega 218.714,8 euros, sanearase e pavimentarase, con mellora da drenaxe superficial e sinalización vial, e limparanse de malas herbas as cunetas dos accesos á parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo, o camiño da Burata a Vilariño, a rúa da Amizade -no polígono de As Coiñás-, e o camiño do Espeto -na zona alta da Farixa-. Estas melloras incidirán considerablemente na seguridade vial e na comodidade de circulación, tanto para vehículos como para peóns. Mesmo obxectivo é o que persegue o Concelo coa mellora da Alameda de Covadonga, na que investirá 229.050 euros das arcas municipais.

“Potenciarase o uso das zonas públicas e a integración das persoas, incrementando o número de xogos infantís e de elementos biosaudables, aunmentando a oferta de elementos inclusivos dentro do mobiliario urbano e saneando o pavimento de viais incluíndo, entre outras, a poda das raíces das plataneiras que se atopan en zona verde”, aseguraba a concelleira Flora Moure na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos tratados na xunta de goberno local. A zona de xogos diferenciarase en dúas partes: unha primeira para idades comprendidas entre 0 e 6 anos e unha segunda para 6 a 14. A instalación de novos elementos efectuarase sobre formigón e capa de caucho continuo. Igualmente, realizaranse melloras na rede eléctrica e no alumeado.

Modificacións orzamentarias. No apartado de Xestión Económica e Orzamentaria, a xunta de goberno presentou un total de 11 modificacións orzamentarias que se someterán á aprobación no pleno do vindeiro 5 de agosto, e que ascenden a preto de 22 millóns de euros (*Ver anexo adxunto).

Xurídico. Na mesma reunión, a avogacía municipal deu conta de cinco sentenzas. A primeira delas é unha sentenza en firme do TSXG relativa ao concurso da xefatura de Cultura, Xuventude e Participación Cidadá deste Concello, que foran recorridas no seu momento e cuxa reclamación vén de ser desestimada en última instancia. O propio TSXG ditou sentenza tamén noutros dous asuntos de persoal relacionados co programa Ourense Inserta: o Xulgado do Social declarara improcedente o despido de senllos traballadores, que serán indemnizados.

Os dous últimos puntos no apartado xurídico teñen que ver cunha sanción de 3.005,07 euros da Concellería de Sanidade a un particular por carecer de licenza para vender alcohol e por facelo a menores de idade.

Licenzas urbanísticas. A xunta de goberno deu luz verde a dúas licenzas para proxectos de execución de edificios de vivendas, un nas Eiroás e outro na rúa río Mao. Tamén foron aprobados senllos proxecto básico e de execución de vivenda unifamiliar en Seixalbo e de reforma dunha cheminea de fumes en Valle Inclán. Tamén se acordou o inicio do expediente de caducidade dunha licenza urbanística de obra para un edificio en Puente Codesal: A licenza fora outorgada en marzo de 2010 pero o proxecto de execución non se presentou en prazo.

Así mesmo, concedéronse licenzas de apertura para unha sala de audiometría no centro comercial Ponte Vella e para a reforma dun taller de automóbiles en Quintela de Canedo.

Contratación. Dous foron os asuntos correspondentes ao Servizo de Contratación: por un lado, declarouse deserto o procedemento aberto para a contratación da explotación da cafetería do Parque das Pozas de Maimón, en Reza. Tamén se declarou deserta a contratación polo procedemento aberto da limpeza de centros de Educación Infantil e Primaria de titularidade pública, así como as dependencias educativas municipais.

Cultura. No que respecta á Concellería de Cultura, aprobouse un convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Bancaria “La Caixa” para a realización da exposición Ilusionismo, ¿maxia ou ciencia?, que se instalará no Xardín do Posío entre o 9 de setembro e o 11 de novembro deste ano.

Sanidade. Finalmente, e a proposta da Concellería de Sanidade, aprobouse un convenio entre coa asociación sen ánimo de lucro Patrulla Callejera, para a prestación do servizo de coidado e control das colonias de gatos abandonados. Será por un ano e terá un custe de 4.000 euros.

Deja un comentario