Xoves 12 de Decembro de 2019

A «Subida a Cortegada» volve ao calendario festivo do automobilismo galego


A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva que, tras cinco anos de parón, volve a celebrarse os días 6 e 7 de agosto
A «Subida a Cortegada» volve ao calendario festivo do automobilismo galego, os días 6 e 7 de agosto, tras cinco anos de parón. A presentación da proba deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto que contou coa participación do deputado provincial, Pablo Pérez; do alcalde do Concello de Cortegada, Avelino de Francisco Martínez; da piloto, Ángela Vilariño; da presidenta da Escudaría CDB, Ana María Domínguez; do presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; e do sarxento Rivero.Pablo Pérez dixo que se trata «dunha proba emblemática no automobilismo galego», e que a Deputación de Ourense colabora «coas iniciativas dos municipios que, neste caso, recupera un evento deportivo no que se dan cita máis de 50 pilotos que atraerán durante eses días a numerosos afeccionados, que poderán gozar tamén da riqueza turística e paisaxística que ofrece o Concello de Cortegada». Asemade o deputado provincial lembrou que «Ourense segue a ser un referente no mundo do motor galego».O alcalde de Cortegada explicou que este evento deportivo celebrouse «durante dez anos con gran proxección, e despois deste parón de cinco anos, retómase esta «Subida» tan importante para Cortegada e para a provincia de Ourense, pois promociona todo o contexto xeral da zona».Iván Corral agradeceu a recuperación desta proba automobilística «na que o éxito deportivo está garantizado, e espero que se manteña no tempo».Ana María Domínguez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e do concello a esta proba automobilística «na que participarán pilotos galegos, e tamén chegados de fóra, como é o caso da piloto, Ángela Vilariño, a primeira inscrita da proba». Pola súa banda, a piloto dixo que «intentaremos facelo o mellor posible», e destacou que «Galicia ten unha gran afección polo mundo do automobilismo». As inscricións para participar estarán abertas ata o día 4 de agosto.Pola súa banda, o sarxento fixo un chamamento aos asistentes «para lembrarlle a importancia que ten a seguridade para poder gozar desta celebración e do entorno».Previamente á «Subida», o venres, 5 de agosto, a partir das 18.00 horas, terá lugar «unha exhibición por parte da Escola de Jorge Lorenzo de Vigo», adiantou a presidenta da Escudaría CDB.

Deja un comentario