Sábado 21 de Setembro de 2019

O Concello de Ourense leva a cabo unha campaña de protección solar nas zonas de baño da cidade


Coa colaboración do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, repartiranse abanicos con consellos para evitar os danos do sol e a deshidratación

A Concellería de Sanidade repartirá esta tarde nas zonas de baño da cidade (praia da Antena, A Chavasqueira, Outariz, Muíño da Veiga, etc.) material de protección solar e abanicos con consellos para evitar os danos do sol e a deshidratación e cremas solares. Esta campaña, realizada en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Ourense -que xa vén participando noutras iniciativas municipais, coma a Semana da Saúde-, quere concienciar sobre a importancia dos hábitos saudables á hora de tomar o sol, especialmente coas altas temperaturas que se prevén para os vindeiros días.

Evitar as exposicións ao sol nas horas centrais do día (12:00 a 16:00), protexer dos raios os menores de tres anos, hidratarse antes, durante e despois da actividade física, pero facelo con auga e non con alcohol, usar foto protección (factor 30/50), usar gafas de sol homologadas e roupa axeitada son algúns dos consellos que se inclúen no material que entregará o Concello de Ourense. Xunto ao abano, Sanidade entregará ademais mostras de tres produtos dunha recoñecida marca de protectores solares. O reparto destes produtos realizarase en bicicletas, promovendo tamén así o deporte e a saúde entre todos os ourensáns.

Xornadas por riba dos 30º

A información meteorolóxica para esta fin de semana prevé as temperaturas máis altas do ano. Así, Meteogalicia informa de que na cidade de Ourense os termómetros non baixarán dos 30º até o vindeiro mércores, chegando a unha máxima dos 37º este domingo. Por este motivo, desde o Concello de Ourense recoméndase seguir as indicacións recollidas nesta campaña e, sobre todo, actuar con “sentidiño” para evitar golpes de calor ou deshidratacións.

Deja un comentario