Domingo 23 de Setembro de 2018

Concello e Axencia de Turismo asinan a acta de cesión para o inicio das obras do albergue na rúa da Barreira


“Con esta infraestrutura Ourense quere afianzarse como cidade amiga do peregrino”, dixo o alcalde de Ourense

O albergue de peregrinos da rúa da Barreira vai camiño de ser realidade. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinaron esta mañá no Salón de Plenos do Concello a acta de cesión do edificio para que a Xunta de Galicia comece as obras de construción desta nova infraestrutura. “Con esta infraestrutura Ourense quere afianzarse como cidade amiga do peregrino”, dixo Vázquez Abad, quen tamén salientou o “importante labor de Nava Castro a prol do Camiño de Santiago”.

O inmoble, no número 12 da rúa da Barreira, permitirá sumar 50 prazas á rede de albergues do Camiño de Santiago. Contará con duchas, aseos, lavandería e almacén de mochilas, e estará emprazado a metros escasos das Burgas e no corazón do casco histórico, “un valor engadido para o turismo da cidade e unha forma inmellorable de colocar a nosa estrela dentro da Vía da Prata”, en palabras do rexedor.

O investimento total ronda os 800.000 euros por parte da Xunta de Galicia, quen será a encargada do albergue a través da Sociedade de Xestión do Xacobeo. Con esta acta de entrega do inmoble preténdese reducir así a burocracia entre administracións e axilizar o comezo das obras e a posta en funcionamento do novo albergue, que xa estaría operativo para 2017.

O número de peregrinos que escollen esta vía vai en aumento, e xa está próxima aos 10.000 anuais, incremento que se nota sobre todo a nivel internacional. “Ourense non pode perder esta oportunidade: Queremos promocionarnos turisticamente, porque temos potenciais. Queremos que os visitantes que viaxan cara a Santiago coñezan Ourense, estean a gusto e volvan outra vez”, dixo Jesús Vázquez.

Ao acto asistiron tamén a concelleira de Turismo e Termalismo, Isabel Castelo, e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira.

Deja un comentario