Xoves 22 de Agosto de 2019

As actividades de Verán 2016 dos Centros Cívicos amplían horario e centraranse nos Dereitos da Infancia


As solicitudes en prazo este ano foron 269 en todos os centros. Están organizados 5 grupos de 25 nenos e nenas cada un en cada quincena

O venres 1 de xullo de 2016 comenzaron as Actividades de Verán 2016 dos Centros Cívicos para nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria. O obxectivo básico é que os nenos e nenas se divirtan, se relacionen e aprendan convivindo con outros rapaces e rapazas no marco do centro cívico.

A Concellería de Asuntos Sociais tamén pretende que as actividades sexan unha forma de axudar ás familias a conciliar a vida laboral e familiar neste periodo vacacional e por ese motivo ampliou o horario das actividades este verán de 10:00 horas a 13:30 horas.

As quincenas este ano tratarán aspectos relacionados cos Dereitos da Infancia enmarcados nos traballos do I Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense.

Van ter un carácter lúdico e recreativo pero tamén cubrirán aspectos educativos, culturais e sociais: teatro, elaboración de murais, reciclaxe, dereitos da infancia, vida saudable, obradoiros de contacontos, etc.

As temáticas por quincenas serán as seguintes:

1. do 1 ao 15 de xullo: CIENTÍFICOS TOLOS: experimentos para todos e todas, aprende e desfruta coa ciencia máis divertida.
2. do 18 ao 29 de xullo: ESCOLA DE DETECTIVES: para ser un bo detective hai que prestar atención e usar os sentidos que axudan a resolver os casos máis complexos.
3. do 1 ao 16 de agosto: XOGOS OLÍMPICOS: imos aproveitar que empezan os Xogos Olímpicos 2016 de Río. Historia, países, deportes e saúde.
4. do 17 ao 31 de agosto: CONCURSO DE TALENTOS: podes ser concursante, xurado ou público ou todos á vez. Música, baile, teatro, experimenta coas túas habilidades artísticas.

As solicitudes en prazo este ano foron 269 en todos os centros. Están organizados 5 grupos de 25 nenos e nenas cada un en cada quincena. Todos os nenos e nenas que o solicitaron en prazo e están empadroados no Concello de Ourense desfrutarán polo menos dunha das quincenas de preferencia.

Deja un comentario