Luns 27 de Maio de 2019

Medio Rural mantén o seu compromiso co agro incrementando as partidas dos seguros agrarios referidas aos danos producidos polos xabarís


A Consellería aumenta este ano o orzamento que dedica á contratación de pólizas ata os 4,7 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural segue apostando este ano polo fomento dos seguros agrarios, non só aumentando o orzamento de axudas para as contratacións, que supera os 4,7 millóns de euros no 2016, senón tamén coa suba dos porcentaxes de axuda que reciben os asegurados por danos ocasionados pola fauna silvestre, entre ela os xabarís. En concreto, vaise pasar dun 9,5% a un 20% de subvención en todas as liñas de seguros agrícolas, co fin de facer estas pólizas máis atractivas aos agricultores e gandeiros.

A conselleira Ángeles Vázquez e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuníronse ao respecto destas modificacións cos portavoces de Agroseguro, a entidade encargada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (Magrama) para xestionar as liñas de seguros agrarios e que centraliza a tramitación destas subvencións.

Nesta reunión decidiuse tamén realizar unha campaña de promoción con Agroseguro para promover estas liñas de seguros agrícolas, remarcando especialmente as vantaxes que teñen estes contratos na cobertura de danos por fauna silvestre e por danos excepcionais. Ángeles Vázquez lembra que contratar unha póliza é a única forma de recibir unha compensación en caso de que se produzan danos en explotacións debido a algún tipo de fenómeno meteorolóxico extraordinario.

Galicia conta con máis de 56.000 asegurados, cifra que se pretende aumentar con esta campaña de promoción. O subsector pecuario é o de maior importancia en Galicia, xa que hai 55.300 pólizas contratadas cun valor capital que supera os 592 millóns de euros, dos que 381 corresponden aos seguros de explotación de gando bovino. No que se refire ao subsector agrícola, a superficie asegurada chega case ás 5.900 hectáreas. O peso neste caso está nos cultivos forraxeiros con 4.370 hectáreas e a uva de viño con 1.366.

Compromiso anual
Estas pólizas naceron no ano 1978 co obxectivo de presentar unha cobertura técnica e viable economicamente que permita ao sector agrícola facer fronte aos danos graves e imprevisibles que poidan supoñer un risco para as explotacións.

Así, cada ano, establécese un convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a entidade Agroseguro para regular o pago das axudas, de tal xeito que os agricultores e os gandeiros reciben descontos grazas á colaboración da Xunta e o Magrama. Cabe destacar que durante os anos de crise, o Goberno galego mantivo este compromiso mentres que noutras comunidades autónomas retiraron estas subvencións, quedando só as do Goberno central.

Deja un comentario