Mércores 08 de Abril de 2020

A Xunta inicia a resolución das axudas aos deportistas galegos de alto nivel clasificados para Río 2016


Entre os bolseiros atópase o Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016, Javier Gómez Noya

A Fundación Deporte Galego vén de aprobar a primeira resolución das axudas a deportistas galegos de alto nivel ao abeiro da convocatoria das axudas Galicia- Río 2016, publicadas o pasado mes de abril.

Nesta primeira resolución, concedéronse un total de 60.000 euros repartidos en becas a 6 deportistas xa clasificados para a cita olímpica de Río 2016 nas modalidades de judo, vela, tríatlon e piragüismo. Entre os bolseiros está o recentemente recoñecido co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016, Javier Gómez Noya. O resto de deportistas clasificados poderán seguir solicitando as axudas ata que rematen os XXOO/XXPP de Río 2016.

En total, a Fundación Deporte Galego prevé destinar ao programa de axudas aos deportistas galegos de alto nivel, no que se inclúe esta convocatoria, 360.000 euros neste ano 2016.

Río 2016
A cita olímpica e paralímpica deste ano ven marcando a política deportiva de alto nivel da Xunta de Galicia durante o ciclo olímpico. A través da Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego, executáronse dous programas especificamente destinados a garantir a maior participación de deportistas galegos nos XXOO e XXPP de Río 2016. Estes programas son as axudas Galicia-Río 2016 da Fundación e que se veñen de resolver para este ano, e o programa Río 2016 da Secretaría Xeral para o Deporte. Estes programas, en termos económicos, supuxeron un investimento total superior a 1.000.000 euros.

Os resultados dos programas teñen dado os seus froitos, toda vez que mentres á Londres 2012 acudiron 22 deportistas, para Río 2016, e sen pechar aínda as clasificacións definitivas nalgunhas modalidades deportivas, son cerca de 30 galegos e galegas os que, de momento, están xa clasificados.

Deja un comentario