Martes 22 de Setembro de 2020

O Concello de Ourense estuda unha futura rebaixa do IBI


Actualmente, declarou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “estase a elaborar un estudio para determinar o tipo de bonificacións para persoas con rendas baixas ou en proporción da súa renda”

O Concello de Ourense estuda rebaixar o IBI. Así o declarou esta mañá o alcalde, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local, na que se presentou un informe da área de Facenda sobre os traballos de planificación e estudos previos para esta rebaixa do Imposto de Bens e Inmobles. A iniciativa parte dunha promesa electoral, lembrou o rexedor: “No informe referido á presión fiscal, dicíamo que se podían reducir impostos e taxas, con bonificacións en función da capacidade económica, aplicando unha política fiscal máis flexible e adaptada ás rendas dos cidadáns”.

“Actualmente”, dixo, “estase a elaborar un estudio para determinar o tipo de bonificacións para persoas con rendas baixas ou en proporción da súa renda”. Por outro lado, “e baseado no informe elaborado polo xefe do Órgano de Xestión Tributaria no que se presupón un incremento nos ingresos debido á regularización catastral”, proseguía Vázquez Abad, “poderíase pois axustar o tipo xeral do imposto, a falta, iso si, de diversos informes económicos”.

Estas medidas son posibles grazas a que o Goberno Central estableceu un tipo mínimo do 0,6 ata o ano 2015, se ben é certo que xa nas ordenanzas deste ano non tería por que manterse este tipo, podendo voltar á porcentaxe anterior se fose inferior a esta (chegou a ser do 0,54). “No caso da ordenanza municipal atopámonos cunha porcentaxe superior a este 0,6 -0,64 para ser exactos- que está actualmente vixente, polo que existe marxe para a baixada”, aseguraba o alcalde.

Jesús Vázquez deu conta tamén doutros aspectos tratados na xunta de goberno. No terreo xurídico, o Xulgado Contencioso-Administrativo núm. 1 de Ourense ditou Sentenza e declarou que non había lugar ao recurso contencioso-administrativo contra o cadro de vacacións do persoal do servizo municipal de extinción de incendios e salvamento de 2015, ao terse xa anulada a reclamación por sentencia firme anterior.

Urbanismo
Outro informe que foi a xunta de goberno local esta mañá foi o dos expedientes iniciados durante este mandato na área de Urbanismo, facendo un total de 3.511 fronte aos 3.093 do período 2014/2015, un 15% máis. [Ver táboa anexa]
Na propia sesión desta mañá foron sete os expedientes, un relacionado coa desestimación dun recurso de reposición interposto pola Diócese de Ourense contra a aprobación definitiva do Proxecto de Reparcelación da UE 15 do PEPRI do Casco Histórico ”A Trinidade”, e outros seis expedientes de responsabilidade patrimonial contra o Concello de Ourense, todos eles desestimados ou inadmitidos por non reunir os requisitos legalmente esixibles.

Contratación
Catro foron os asuntos dos que deu conta o alcalde neste eido. Tres relacionados coa contratación, por procedemento aberto, de inmobles para a cesión do seu uso a diferentes asociacións de veciños En concreto ás da Lonia, cuxo contrato foi fixado en 5 anualidades, 2016/2020, por un importe total de 18.322,52 euros; a dos Rosais, abrindo prazo de presentación de documentación para a mellor oferta presentada; e Arranxar I, declarado deserta e finalizada a contratación e deixando sen efecto a aprobación do gasto.

O cuarto asuntos foi a adxudicación do servizo de desratización, desinsectación e desinfección no termo municipal de Ourense a ANTICIMEX 3D SANIDAD AMBIENTAL, S.A.U. por un importe de 21.750,23 euros, ive engadido. “Esta é outra das contratas que nos atopamos en precario neste Concello e que tivemos que axilizar nos últimos meses para conseguir adxudicala nestes intres”, asegurou Vázquez Abad.

Festivos, delegación de competencias e licenzas
Noutra serie de cousas, a xunta de goberno desta mañá aprobou os días 28 de febreiro (Martes de Entroido) e 11 de novembro (San Martiño) de 2017 como festivos, con carácter retribuído e non recuperables na área de Cultura.

Por outra parte, procedeuse á modificación do acordo de delegación de competencias da Xunta de Goberno Local de 19 de maio de 2016. Neste sentido, explicou o alcalde, “foi a corrección dun erro, no que se facía constar que Fondos Europeos era competencia de Ana Morenza, cando en realidade é parte das competencias de Jorge Pumar”.

No ámbito das licenzas, concedéuselle licenza de obra a unha empresa para segregar un baixo da avenida Otero Pedrayo en dous locais; unha licenza de obra de adaptación de local para café bar na rúa Cardenal Quevedo; e arquivouse unha denuncia presentada por unha particular polas obras de acceso a un garaxe na rúa Valle Inclán.

Deja una respuesta