Xoves 13 de Decembro de 2018

O presidente da Xunta felicita ao triatleta Javier Gómez Noya, distinguido co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016


Resalta que é un “inmellorable embaixador da marca Galicia”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, felicitou ao triatleta galego Javier Gómez Noya, que acaba de ser galardoado co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016 e que se converte así no primeiro deportista galego en obter esta distinción. Así mesmo, cualificou esta distinción como “un premio merecido e unha gran noticia para Galicia”.

O mandatario galego eloxiou a súa traxectoria deportiva, que considerou “unha mestura de esforzo, sacrificio, determinación e talento”. Javier Gómez Noya, recentemente proclamado campión de Europa por cuarta vez, conta no seu palmarés con importantes fitos como ser o único quíntuplo campión mundial de tríatlon de toda a historia e subcampión olímpico en Londres en 2012.

“Non cabe dúbida de que Javier Gómez Noya é un inmellorable embaixador da marca Galicia, sitúa a Comunidade na elite do deporte mundial e leva a bandeira de Galicia por todos os estadios do mundo”, resaltou o presidente da Xunta, ao tempo que lembrou que o xurado dos premios destacou del o “seu encomiable espírito de superación”, que “estou certo de que lle fará obter moitos triunfos máis”, abundou.

Para finalizar, quixo desexarlle toda a sorte do mundo no novo reto ao que se enfronta e para o que xa está adestrando, os Xogos Olímpicos de Río 2016, “espero que poidamos ver a Gómez Noya no podio, como se merece”, concluíu.

Deja un comentario