Xoves 15 de Novembro de 2018

A Xunta asina un convenio co Concello de San Cibrao das Viñas para a ampliación do alumeado público no acceso ao polígono industrial


A actuación levarase a cabo na marxe dereita da estrada OU-538, coas mesmas características que o da marxe esquerda, aplicando criterios de aforro e eficiencia enerxética

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, para a ampliación do alumeado público no acceso ao polígono industrial,o que suporá unha mellora da seguridade viaria na zona, concretamente, na estrada OU-538 Noalla (N-525)-área industrial. O orzamento de execución destas actuacións é de algo máis de 40.200 euros,

A Xunta de Galicia está a traballar na mellora das comunicacións das áreas empresariais, xa que dotar os parques industriais dos accesos axeitados garante unha maior competitividade e contribúe ao impulso da actividade das empresas galegas.

Este convenio terá efecto a partir de hoxe, data da súa sinatura, e manterase ata a recepción das actuacións, en todo caso estenderase ata o 31 de decembro de 2016.

Así, o Concello de San Cibrao das Viñas presentou á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) unha memoria para a implantación do alumeado público na marxe dereita da estrada OU-538, das mesmas características que o da marxe esquerda, aplicando criterios de aforro e eficiencia enerxética. A instalación comprenderá 14 puntos de luz, sobre columna recta de aceiro de 9 metros de alto, con luminarias iguais ás existentes, e dous proxectores en parede dotados con óptica simétrica baixo os viadutos do ferrocarril.

O polígono de San Cibrao das Viñas conta con 5 millóns de metros cadrados de superficie e máis de 300 empresas instaladas, e dá emprego a preto de 8.000 persoas, constituíndo un motor económico para toda a provincia de Ourense.

Obrigas das partes
O Concello de San Cibrao das Viñas obrígase a asumir a explotación, o mantemento e a titularidade do alumeado da estrada OU-538, mentres que a Xunta asume o compromiso de realizar a instalación e posta a punto do alumeado público no acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas. Unha vez rematadas as obras a AXI poñerao en coñecemento da entidade local, mediante unha comunicación formal.

Deja un comentario