Luns 25 de Xuño de 2018

A delegada da Xunta en Ourense visita os xulgados de Verín e analiza as súas necesidades


O Plan de eficiencia enerxética e obras menores dos edificios xudiciais inclúe a renovación do sistema de calefacción e a creación da Unidade de Antropoloxía Forense

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Manuel Pardo, visitou hoxe o edificio que acolle os Xulgados de Verín e analizou as necesidades destas dependencias.
Díaz Mouteira concretou que o novo Plan de eficiencia enerxética e obras menores dos edificios xudiciais prevé para Verín a renovación do equipamento térmico instalando unha caldeira de biomasa, unha actuación que se executará ao longo do segundo semestre deste ano. A delegada territorial asegurou que esta actuación vai permitir reducir o consumo enerxético, e mellorar as condicións laborais dos traballadores e medio ambiente, ao substituír combustibles convencionais pola biomasa.
A delegada territorial lembrou que este plan, que durará 3 anos e que prevé un total de 14 actuacións na provincia, ten como obxectivo completar a mellora das condicións dos xulgados galegos. Marisol Díaz enmarcouno no seo da aposta firme e decidida da Xunta por dotar aos profesionais e os cidadáns os mellores medios materiais ao seu servizo desde o punto de vista das infraestruturas xudiciais.
Unidade de Antropoloxía Forense
A máxima representante do Executivo galego en Ourense explicou que dito Plan inclúe tamén a creación da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), emprazada no Hospital Comarcal de Verín, e que presta servizo aos tribunais, fiscalías e xulgados da Comunidade autónoma. Prevese a instalación dun equipo para a extracción de gases e dun lavadoiro na sala de esqueletización.

Deja un comentario