Luns 19 de Agosto de 2019

Nava Castro recibe ao cruceiro máis grande do mundo durante a súa escala no porto de Vigo


A parada do ‘Harmony of the Seas’ exemplifica o auxe que vive este tipo de turismo na Comunidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves Castro, asistiron esta mañá aos actos de recepción do cruceiro máis grande do mundo, o Harmony of the Seas, con motivo da súa primeira visita ao Porto de Vigo para poñer en valor a escala deste buque en Galicia, que exemplifica o auxe que está experimentando o turismo de cruceiros na Comunidade.

En concreto, Vigo rexistrou en 2015 un total de 82 cruceiros nos que viaxaron 284.811 persoas, concretamente 204.979 pasaxeiros e 79.832 tripulantes, segundo datos da Autoridade Portuaria desta cidade. Son cifras que amosan a tendencia positiva deste tipo de turismo, que cada vez acada maior peso no desenvolvemento económico de Galicia.

Neste sentido, o turismo de cruceiros é un interesante produto que achega á Comunidade novos fluxos de visitantes ao longo de todo o ano, xerando un importante impacto positivo nas economías locais e axudando a combater a estacionalidade da demanda, o que dá cumprimento aos obxectivos do Plan Integral de Turismo de Galicia.

Ademais, Turismo de Galicia xa está traballando na promoción dos portos galegos como destino destes cruceiros. Nesta liña, a Xunta de Galicia leva a cabo accións para manter o interese das empresas por recalar nos portos da Comunidade e mantén unha continua participación en feiras turísticas e workshops, así como a organización de viaxes de familiarización ou de prensa, entre outras medidas.

Cruceiros costeiros polas rías galegas
A Xunta de Galicia tamén ten en marcha outras iniciativas en materia de turismo náutico e que sacan proveito dos 1.659 km de costa e 16 rías da Comunidade. Por exemplo, no mes de maio entrou en funcionamento unha nova ruta de cruceiros costeiros polas rías galegas, o itinerario Illas Atlánticas e vilas mariñeiras, que se sumou á de Tesouros das Rías de Galicia. Estes cruceiros costeiros supoñen unha oferta innovadora para vivir as rías galegas durante sete meses ao ano, a través de paquetes organizados e aproveitando os barcos de transporte turístico e as empresas de chárter náutico.

Deja un comentario