Venres 07 de Agosto de 2020

Aberto o prazo do premio Risco de Creación Literaria


A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación de 150 exemplares do libro. O prazo remata o vindeiro 23 de setembro

O Concello de Ourense, en colaboración coa Fundación Vicente Risco, abre unha nova convocatoria -a décimo sétima- do Premio Risco de Creación Literaria dedicada ao xénero narrativo. Á mesma poderanse presentar novelas, conxuntos de relatos, ou ensaios de carácter inédito, redactados en lingua galega de acordo coa normativa oficial vixente, e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300. A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación de 150 exemplares do libro.

Para garantir o anonimato de autoría, os orixinais presentaranse por sextuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra Times New Roman de corpo 12 a dobre espazo. Os orixinais irán acompañados dun único sobre pechado, que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo postal e electrónico e teléfono) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior, exclusivamente, o título ou lema da obra. O prazo de entrega remata o venres día 23 de setembro de 2016 e o lugar de presentación será no Rexistro Xeral do Concello de Ourense (Praza Maior, 1-Ourense 32005).

O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense. Aínda así, o premio poderá declararse deserto se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado.

O Concello de Ourense resérvase o dereito de publicación da primeira edición en papel da obra gañadora, da que o gañador recibirá 25 exemplares. Do mesmo xeito, a persoa gañadora do premio formará parte do xurado na seguinte edición, honra que recaerá este ano en Pablo Fernández Barba, pola súa obra Transición, gañadora na pasada edición do certame.

Deja una respuesta