Luns 24 de Xuño de 2019

O Concello fomenta o inglés para Infantil e Primaria con dous clásicos como ‘Robin Hood’ e ‘The Three Little Pigs’


As representacións teatrais, polas que pasarán 2.000 alumnos, serán hoxe luns e mañá martes 24 no Auditorio en horario de 10:00h e 12:00h

Facilitar a comprensión do inglés en idades temperás a través de clásicos infantís e estimular o alumnado na aprendizaxe desta lingua, así como darlle aos profesores dos centros educativos de Ourense para o ensino desta materia. Son os obxectivos das representacións que organiza a Concellería de Educación hoxe luns e mañá martes no Auditorio a través da compañía Theatre4schools. Así, durante estas dúas xornadas pasarán pola sala Principal do Auditorio máis de 2000 alumnos e alumnas de Educación Infantil e de todos os cursos de Educación Primaria.

Hoxe luns, en horario de 10:00 e 12:00 horas, a obra elixida é Robin Hood, adaptación da famosa historia do folclore anglosaxón medieval cun nivel de inglés axeitado ás idades dos asistentes e acompañado de fermosas cancións. Historia de aventuras moi atractiva para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º curso de Primaria á que asistirán 1.000 alumnos e alumnas de 20 centros de ensino.

Para mañá martes, a obra será The Three Little Pigs, adaptación do famoso conto popular Os tres porquiños que tanto lles gusta aos máis cativos e, neste caso, ten un nivel de inglés axeitado ás idades dos asistentes. Ademais, como é un clásico que todos os nenos e nenas coñecen é máis fácil que o comprendan utilizando un vocabulario e unhas estruturas gramaticais simples apoiadas con obxectos visuais cos que xa están familiarizados. Asistirán un total de 1.100 alumnos e alumnas de 5º e 6º curso de Infantil -novidade desta edición- e de 1º e 2º curso de Primaria de 23 centros de ensino

As dúas obras teñen unha completa unidade didáctica para preparar o contido e o vocabulario da obra previamente en clase de inglés e así sacarlle o maior rendemento posible a esta actividade.

Deja un comentario