Mércores 10 de Agosto de 2022

Reúnese o primeiro grupo de traballo para o futuro III Plan para a Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres


A Concellería de Asuntos Sociais afirma que este documento será “a guía para traballar a favor da igualdade de oportunidade na cidade das Burgas”.

Aínda que o traballo de campo previo a este novo plan xa botou a andar vai meses e está a ser coordinado pola consultoría Sánchez-Albornoz, cunha longa traxectoria profesional neste ámbito, esta semana foron convocados os diferentes axentes sociais e económicos e a cidadanía, nomeadamente as asociacións feministas e de mulleres da cidade, para a presentación de propostas e suxestións de intervención no ámbito das competencias da administración local.
Sofía Godoy, concelleira de Igualdade, afirma que “este documento axudará a identificar as necesidades que aínda existen na cidade das Burgas, no ámbito da igualdade entre mulleres e homes”, e tamén que “será a guía para establecer as actuacións oportunas ao repecto e os mecanismos necesarios para traballar a favor da igualdade de oportunidades en Ourense, tanto nas relacións que mantén o Concello coa cidadanía, asociacións e empresas, como nos aspectos técnicos do seu persoal e nos programas que se levan a cabo dende as diferentes concellerías”, dixo.
Dende a Concellaría de Igualdade, impulsora do Plan, e dende o CIMM (Centro de Información Municipal ás Mulleres), emprazado na rúa do Ensino 2, irán reuníndose ao longo das vindeiras semanas varios grupos focais onde se recollerán as propostas da cidadanía para ir camiñando cara unha sociedade máis igualitaria. O obxectivo destes grupos é coñecer de primeira man e escoitar a voz da cidadanía, para poder aproximarse con máis detalle á realidade cotiá das mulleres e homes e identificar as desigualdades de xénero que aínda perviven na nosa contorna máis inmediata, e poder así definir mellor as actuacións que será oportuno levar a cabo nos seguintes anos neste sentido.

Deja una respuesta