Venres 13 de Decembro de 2019

O «Desafío 42 Ourense Termal» disputarase nos concellos de Maceda, Ourense e Allariz


A carreira, que chega a súa terceira edición, correrase en tres etapas de 6, 15 e 21 quilómetros, e ten como obxectivo promover o atletismo e difundir a riqueza termal e paisaxística da provincia ourensá

A Deputación de Ourense promove a terceira edición da carreira «Desafío 42 Ourense Termal», unha proba na que os participantes percorrerán 42 quilómetros en tres carreiras, que se disputarán os días 14 e 15 de maio nos concellos de Maceda, Ourense e Allariz. A proba presentouse esta mañá na contorna termal das Burgas, na capital ourensá, e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Maceda, Rubén Quintas; os concelleiros de Deportes de Ourense e Allariz, Mario Guede e Helena Suárez; Serafín Martínez, director de «Desafío 42»; Ivonne Pousa, representante de Banco Mediolanum e Carmen Aragoneses, representante de Renault Luis Aragonés.O presidente do goberno provincial destacou que esta proba, «ademais do atletismo, abrangue a promoción dos concellos pola que discorre e tamén pon en valor a riqueza termal que posúe a nosa provincia. Deporte, Ourense e termalismo, tres verbas unidas que conflúen neste evento deportivo, que xurde da man da cooperación entre o ámbito público e o privado para achegar á cidadanía os valores do deporte e a promoción do noso territorio», afirmou Manuel Baltar.A inscrición para participar na carreira está aberta ata o vindeiro 10 de maio e pódese realizar na web: www.championchipnorte.com, ou de maneira presencial en Serviocio Eiroás Ourense. O «Desafío 42» comezará o sábado 14 de maio, ás 16.00 horas, coa disputa da primeira carreira, de seis quilómetros de percorrido, en Maceda. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, terá lugar a segunda carreira, que se disputará no municipio de Ourense, cunha etapa de 15 quilómetros de percorrido nocturno. E finalmente, o domingo 15 de maio disputarase en Allariz a terceira carreira, que será unha media maratón de 21 quilómetros de percorrido.O «Desafío 42 Ourense Termal» está organizado por Qualité Sport Events, AD Top Ten Sports e a Deputación de Ourense, e conta co apoio do banco Mediolanum. Para máis información do evento os interesados poden consultar a web: www.desafio42.com.

Deja un comentario