Xoves 30 de Xuño de 2022

O secretario xeral para o Deporte recibe a Fernando Echávarri, regatista Campión Olímpico en Pekín e clasificado para Río 2016


Asegura que os logros do deportista nas recentes competicións internacionais levan detrás moitas horas de adestramento e sacrificio e son un estímulo para os deportistas que aspiran a estar na elite das súas respectivas modalidades

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe ao regatista pontevedrés Fernando Echávarri, ao que felicitou polos seus recentes logros deportivos, tras conquistar ou primeiro posto na Copa do Mundo de Hyères en Nacra 1, xunto co seu tripulante Tara Pacheco e a súa clasificación para Río 2016.

Na recepción celebrada esta mañá en Santiago, Lete Lasa asegurou que “todos os que pertencemos dun xeito ou doutro ao mundo do deporte e os propios afeccionados sabemos moi ben que estes resultados nas competicións levan detrás moitas horas de adestramento, renuncias e sacrificio, unidos á paixón e á ambición por ser cada día mellores no que dá sentido e plenitude ás nosas vidas”.

No caso do deportista pontevedrés, o secretario xeral destacou o seu especial mérito pola rápida adaptación á súa nova embarcación, xa que, despois de sete anos sen subir a un catamarán pequeno, quedaron décimo terceiros no Mundial de Florida, cuartos no Trofeo Princesa Sofía e campións en Hyères. Ademais, antes de chegar Río acudirán á Copa do Mundo de Weymouth en xuño.

Lete Lasa quixo lembrar que, para o Goberno galego, a promoción dos deportes náuticos ten carácter estratéxico polas excelentes condicións que ofrecen ás súas costas, ríos e encoros, o que se reflicte nas políticas desenvoltas desde a Secretaría Xeral para o Deporte.

O secretario xeral rematou a súa intervención dicíndolle a Echávarri que “Galicia agradéceche que, xunto ao teu nome, a nosa Comunidade se proxecte con tanta autoridade e brillantez”, manifestando que “a achega á boa imaxe de Galicia que facedes os deportistas galegos da elite mundial é moi alta e, por tanto, non pode ser menos o noso recoñecemento, orgullo e apoio, o da Xunta e o de todos os galegos”.

Deja una respuesta