Mércores 22 de Xaneiro de 2020

Nava Castro asiste á LIII Feira do Viño do Ribeiro en Ribadavia para amosar o seu apoio ao sector enoturístico


A directora de Turismo de Galicia fixo entrega dun dos nove galardóns da cata popular que se realizou con motivo deste evento

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe á LIII Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrou esta fin de semana en Ribadavia, para facer entrega dun dos nove premios da cata popular realizada con motivo deste evento.

Coa súa presenza, Nava Castro desexa poñer de manifesto o apoio do Goberno galego a este tipo de festas de carácter cultural e local polas súas singularidades, que supoñen un importante reclamo turístico e xeran un impacto positivo nas economías da zona. Neste sentido, o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle a necesidade de fomentar a difusión e promoción destas festas.

A maiores, o Goberno galego traballa na consolidación da nosa Comunidade como un destino enoturístico de referencia posto que conta cun gran potencial de atracción turística. De feito, a gastronomía é a segunda motivación pola que os turistas elixen Galicia como destino.

Por iso, Turismo de Galicia impulsa actuacións como a Rutas dos Viños polas cinco Denominacións de Orixe coas que conta a Comunidade galega: Monterrei, Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra ou Valdeorras. Esta iniciativa permite realizar unha orixinal viaxe en torno á vide e ao viño.

Nesta liña, este ano terá lugar a quinta edición das Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, nas que se promocionará este destino turístico mediante visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes e que inclúe unha degustación dos mellores viños da terra. Na iniciativa tamén participan restaurantes con menús especiais para a ocasión e actividades como catas paseos en barca, trens turísticos, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño.

A Denominación de Orixe do Ribeiro
A Denominación de Orixe do Ribeiro conta cunha extensión de aproximadamente 2.700 hectáreas de viñedo situadas nos municipios de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada, e parte dos de Boborás, San Amaro, Toén, Carballiño, Ourense.

Deja un comentario