
O grupo de Pablo Díaz suma éxitos nos escenarios cun repertorio que promove o uso da nosa lingua propia na familia e a súa transmisión interxeracional
A Consellería de Cultura e Educación leva esta fin de semana aos concellos de Arteixo, Xinzo de Limia, Soutomaior e Vilamarín dúas das propostas de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A rolda de actuacións comezará o sábado pola mañá en Arteixo, onde Pablo Díaz e a súa banda presentarán no Auditorio do Centro Cívico o seu proxecto ‘Xente miúda, moita fartura’.
Un abano de fermosas cancións inspiradas no universo das pequenas e os pequenos da casa, onde se reflicten moitas das rutinas da cativada no día a día dos fogares. Desde a proposta dun novo xeito de felicitar os aniversarios ata as simpáticas estrofas coas que se anima a gardar os brinquedos despois dunha tarde de xogos, as cancións son un excelente recurso para familias e educadores. Acompañado de Carmen Rey e de Tito Calviño, Pablo Díaz estará o día seguinte, domingo 24 de abril, en Xinzo de Limia, ás 12:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura. E xa durante a tarde do mesmo domingo, a banda desprázase ata Soutomaior, onde desde as 19:00 horas fará a ledicia de maiores e rapazada no Multiúsos de Arcade.
A fin de semana do ‘FalaRedes’ completarase con ‘A viaxe de Rosalía’. Neste caso, a actriz Larraitz Urruzola ten programada unha única actuación que terá lugar no concello de Vilamarín o sábado 23, no Auditorio Municipal desde as 19:00 horas. Alí, o fío condutor da madriña de Rosalía de Castro, Francisca do Campo, servirá para coñecermos as vivencias cotiás e entrañables que foron conformando a personalidade da que máis tarde se convertería nunha das cimeiras das nosas letras.
Coma sempre no ‘FalaRedes’, en todas as localidades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Próximas paradas: Santiago, Ames e O Barco de Valdeorras
Na vindeira semana, Uxía e Magín Blanco retomarán a súa actividade no ‘FalaRedes’ cun concerto o sábado 30 de abril na capital galega e emprazan as familias novas con cativada desde os cinco anos no Centro Sociocultural de Santa Marta ás 18:00 horas. A partir de aí terán unha intensa primavera sumando ata unha decena de actuacións nos meses de maio e xuño.
Por outro lado, a banda de Pablo Díaz levará os ritmos de ‘Xente miúda, moita fartura’ ao concello de Ames, onde estarán no Auditorio de Bertamiráns o venres 29 desde as 18:30 horas. E un día máis tarde, o grupo viaxa a terras ourensás, para alegrar a tarde do sábado na Biblioteca Pública Florencio Delgado Gurriarán do Barco de Valdeorras desde as 18:00 horas.
E nesa fin de semana, descansarán no ‘FalaRedes’ os monicreques de ‘A viaxe de Rosalía’, que regresarán a comezos de maio con cadansúa actuación en Ponteareas e O Rosal.
As tres actividades continuarán a súa viaxe pola RDL deica o mes de xuño por diferentes concellos.F O calendario de propostas e toda a información sobre a quinta edición do programa está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais e na Axenda de Cultura de Galicia.
‘FalaRedes 2016′
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.
Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.
Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.
Deja una respuesta
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.