Martes 22 de Setembro de 2020

O Concello aproba convenios coa Deputación e Banco Sabadell para reforzar as actividades do Centro de Coñecemento La Molinera


A Xunta Local aproba o expediente para contratar o servizo de acceso gratuíto a Internet a través da rede Ourense wifi

 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá a sinatura de dous convenios de colaboración para a realización de actividades de fomento das novas tecnoloxías no novo Centro de Coñecemento La Molinera. Tamén aprobou o expediente para sacar o concurso o servizo gratuíto de acceso a Internet a través da rede wifi municipal.

O convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación Provincial de Ourense ten como finalidade a copromoción, coorganización e cofinanciamento de actividades no marco da denominada ICC Week 2016, que se desenvolverán en La Molinera.

Ourense IC C Week pretende ofrecer unha radiografía das industrias artísticas e creativas a través de distintas mesas redondas, conferencias, coloquios, demos e encontros entre profesionais do sector da industria creativa: radio, cine, tv, música, novas tendencias tecnolóxicas, apps ou video-xogos. O Concello agradece á Deputación a posibilidade de sumarse a esta iniciativa cultural e acollela na Molinera.

Un segundo convenio aprobado esta mañá establece a colaboración entre o Concello e Banco Sabadell para actividades de promoción e uso das novas tecnoloxías (TICs) no mesmo equipamento municipal. O Banco Sabadell pretende implicarse nas actividades que o Concello desenvolverá no centro municipal, cunha achega económica de 10.000 euros.

Banco Sabadell xa é de feito colaborador na Xornada de Portas Abertas: “Unha viaxe cara á sociedade do coñecemento”, que o Concello organizará o venres, 8 de abril, en La Molinera, na que participarán a escritora e divulgadora Elsa Punset, o director de Citilab Cornellá, Javier González e o deseñador ourensán Pablo González.

Servizo de acceso gratuíto a Internet “Ourense wifi”

A Xunta Local aprobou tamén o expediente para licitar, mediante procedemento aberto, a contratación do uso e explotación dunha parte da rede publica inalámbrica wifi do Concello de Ourense. A empresa que obteña o contrato terá que prestar o servizo gratuíto de acceso a Internet a través desta rede wifi, a veciños e visitantes da cidade. Tamén deberá abonar ao Concello un canon, para o que se establece un mínimo de 33.832,81 euros ao ano, durante dous anos, prorrogables un máis.

A rede wifi municipal consta dun total de 33 localizacións no casco urbano, zonas turísticas rurais, e semirurais do municipio:

– Rurais e semirurais: Palmés, Cudeiro, Quintela, Eirasvedras, Rairo, Santa Mariña do Monte, Velle, Seixalbo, Rabo de Galo, Mende, Beiro e Montealegre

– Zonas urbanas; Praza da Mariña, Parque Infantil da Ponte, Praza de Concepción Arenal, Alameda do Cruceiro, Parque de San Lázaro, Parque infantil de San Lázaro, Auditorio, Parque Barbaña, Praza do Couto, A Carballeira, Xardíns do Posío, Rúa do Paseo, Praza Maior, Praza das Mercedes, Parque de Avilés de Taramancos, Parque A Molinera e Praza Santa Eufemia.

Zonas turísticas: A Chavasqueira, Outariz, Muiño da Veiga e As Burgas

As propostas que presenten as empresas valoraranse tendo en conta 2 criterios: oferta económica (que contará 52 puntos) e a técnica (48)

Seis licenzas

No apartado de licenzas, acordouse conceder licenzas urbanísticas para instalación dun ascensor en rúa Remedios, 9, reforma de vivenda en rúa Lamas Carvajal, 24, proxecto de reforma de fachada e local da pltanta baixa de edificio na rúa da Paz, 17, e licenzas de obra para almacén de produtos de reprografía en rúa Teluro, adaptación de local para centro sanitario polivalente na rúa Serra da Queixa e oficina de servizos funerarios na rúa Santa Teresita. A Xunta Local tamén acordou declarar deserto o procedemento aberto para a contratación do arrendamento dun inmoble para a cesión do seu uso á Asociación de veciños Peliquín.

ASESORÍA XURÍDICA

Por parte da Asesoría Xurídica deuse conta de 14 autos e sentenzas xurdidos de procedementos nos que forma parte o Concello de Ourense:

– Sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo núm. 2 de Ourense, que desestima o recurso dun axente de Policía Local que foi sancionado con 6 días de suspensión de funcións, por unha infración de desobediencia. O xulgado avala a sanción imposta polo Concello e impón as costas ao recurrente. A sentenza é firme.
– Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que estima o recurso dun empregado municipal, debido a unha incapacidade transitoria. A sentenza dí que a incapacidade foi derivada dun accidente de traballo, polo que a Mutua Fremap deberá aboarlle a prestación correspondente. Este recurso fora inicialmente desestimado polo Xulgado do Social, mais a sentenza que agora coñecemos do Tribunal Superior revoca a anterior.
A sentenza é firme.

– Sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo núm. 2 de Ourense que desestima un recurso dunha veciña que reclamaba devolución de cantidades abonadas polo Imposto sobre Bens Inmobles. A sentenza desestima a reclamación, e avala a resolución do Tribunal Económico-Administrativo do Concello que a desestimara.

– Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 4ª, de A Coruña, en relación co cobro de taxas a “empresas de telefonía móbil que non son titulares das redes”.

O Concello de Ourense ten unha ordenanza fiscal, a número 34, que prevé o cobro dunha taxa ás empresas de telefonía en concepto de aproveitamento especial do dominio público. Unha firma, Orange, recurriu esta taxa e obtivo unha sentenza favorable do Xulgado do Contencioso número 2, que anulaba a esixencia de dita taxa “a aquelas empresas que non sexan titulares das redes”. O Concello recurriu esta sentenza, e agora o Tribunal Superior de Xustiza rexeita o recurso e confirma a anulación de dita ordenanza, no sentido de eliminar a esixencia de taxa “a empresas que non sexan titulares das redes”.

– Auto do Xulgado do Contencioso, favorable ao Concello, nunha peza separada de medidas cautelares en relación a unha multa coercitiva a unha entidade mercantil.O Concello de Ourense impuxéralle unha multa coercitiva de 2.400 euros por non cumplir unha orde de execución relativa a un edificio sito na rúa San Francisco. A empresa solicitou ao Xulgado a suspensión cautelar do acordo. O Xulgado lla denega e lle impón as custas.

– Sentenza do Xulgado do Contencioso nº 2 de Ourense, que desestima un recurso dun particular, propietario de terreos nas proximidades do Complexo Hospitalario, que pretendía obter un certificado de silencio positivo de licenza provisional para aparcamento en superficie. O Concello denegou dita petición por acordo de Xunta de Goberno de 23 de abril de 2015. O particular presentou recurso econtencioso, e o Xulgado llo desestima. Contra esta sentenza NON cabe recurso ordinario.

– Sentenza do Xulgado do Social número 4, desestima a demanda presentada por unha empregada municipal que reclamaba unha determinada cantidade económica. O Xulgado desestima o recurso e absolve ao Concello e a Deputación.

– Auto do Xulgado Contencioso favorable ao Concello nunha peza separada de medidas cautelares. O Concello ordenou á empresa Viaqua que repararara un colector deteriorado na rúa Alejandro Pedrosa. A empresa recurriu o acordo, o Concello, o día 26 de novembro, non admitiu a súa reclamación. Viaqua acudiu ao Xulgado pedindo a medida cautelar de suspender a execución do acordo. Neste auto, o Xulgado falla a favor do Concello e denega a petición da empresa, así que terá que facer a reparación.

Por outra banda, o Concello foi emprazado para comparecer e acudir en calidade de demandado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no recurso dunha empresa, TALHER S.A., que se presentou á licitación dun contrato municipal (mantemento de zonas verdes) e foi excluida por incurrir en baixa temeraria.

– Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que fixa o xustiprezo que pagará o Concello por 3 fincas expropiadas na Área de Reparto 38- O “Rua de abrevadeiro”. O Concello fixara o prezo inicialmente en 124.000 euros. O Xurado de Expropiación de Galicia elevouno a 212.000. O Concello presentou un recurso no Tribunal de Xustiza, e este o desestima.

– Sentenza do Xulgado do Contencioso nº 1 que desestima o recurso dunha veciña que reclamaba 28.717,82 euros ao Concello en concepto de responsabilidade patrimonial por unha caída sufrida na rúa Curros Enríquez. O Concello desestimou a reclamación por acordo de Xunta de Goberno Local de 25 de xuño de 2015. A veciña recurriu e o Xulgado rexeita a súa pretensión. A sentenza é firme. NON cabe intepor recurso apelación.

– Sentenza deste mesmo Xulgado, que estima parcialmente a reclamación de responsabilidade patrimonial realizada por unha veciña que sufriu unha caída na pasarela peonil do río Loña. Solicitaba unha indemnización de 15.500 euros, e o Xulgado lle recoñece o dereito a percibir 4.000 máis IPC. Esta sentenza tamén é firme.

– Un auto do Xulgado declara terminado o procedemento interposto por HIPERCOR SA por recoñecemento en vía administrativa das pretensións da recurrente, polo que se arquivan as actuacións.

– Sentenza do mesmo Xulgado que estima parcialmente un recurso dun mozo que sufriu unha caída no río Barbaña, cando tentaba recuperar unha pelota que alí lle caera. O mozo solicitaba unha indemnización de 101.202 euros, e a sentenza condea ao Concello a indemnizalo en 9.000 euros máis o IPC.

Deja una respuesta