Domingo 21 de Outubro de 2018

Ourense acolleu unha xuntanza informativa da Rede Municipalista Solidaria sobre as actividades do Fondo Galego de Cooperación


 

O Centro de Iniciativas Empresariais do Concello de Ourense acolleu esta mañá unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación. No encontro, a Secretaría Técnica da entidade deu conta dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países do Sur coas cotas que achegan as deputacións e concellos socios, así como das actividades que poden implementar en 2016 para concienciar fronte as desigualdades.

Entre o 28 e o 30 de marzo estes foros teñen lugar nos concellos da Estrada, Lugo, Ourense, Teo, Betanzos e Moaña.

A sesión incluiu repaso das novas Liñas Estratéxicas 2016-2019, que avogan pola incorporación de máis municipios a esta rede solidaria, accións previstas nas áreas de fortalecemento, sensibilización, proxectos e comunicación. Exposicións, actuacións musicais, contacontos, charlas ou obradoiros de fotografía e calceta son algunhas das actividades que os socios poden solicitar.

Outras actuacións son a iniciativa europea Redes para o Desenvolvemento, o concurso Imaxes con Fondo, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 84 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Deja un comentario