Luns 25 de Xuño de 2018

A Xunta asiste á reapertura do Albergue de Peregrinos de Verín despois dunha remodelación que custou máis de 142.000 euros


Asistiron o vicepresidente, Alfonso Rueda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Albergue de Peregrinos ‘Casa do Asistente’ de Verín, que vén de reabrir as súas portas despois dunha remodelación na que se investiron máis de 142.000 euros e que permitirá á vila ourensá acoller un maior número de peregrinos.

Na visita tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo. Rueda lembrou que Verín é unha das entradas do Camiño de Santiago en Galicia, pois recibe aos peregrinos que veñen dende Portugal polo Camiño Portugués do interior e únese alí a unha das variantes da Vía da Prata que percorre a provincia de Ourense.

Con este albergue e a inmediata apertura do de Xinzo de Limia, completase a infraestrutura de acollida aos peregrinos nesta variante sur da Vía da Prata que conta tamén cos albergues de Viladerrei -no concello de Trasmirás- e o albergue de Sandiás. En total son 106 prazas de acollida as que ofrecen os albergues de peregrinos da Rede pública existentes nesta variante da Vía da Prata.

O vicepresidente Alfonso Rueda destacou o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia para mellorar o funcionamento da rede de albergues desta Ruta Xacobea e asegurar que os peregrinos teñan sempre unha praza neste itinerario, reproducindo o proceso exitoso realizado no Camiño francés e o portugués.

Rede Pública de albergues do Camiño
A Rede Pública de Albergues do Camiño suma 70 albergues e máis de 3.200 prazas ao longo das rutas xacobeas. O ano pasado, estes albergues acolleron a preto de 335.000 peregrinos. Pola súa banda, a Vía da Prata conta con 13 albergues e 400 prazas que garanten a acollida aos peregrinos desta ruta que anualmente incrementa a súa afluencia, acollendo no pasado ano a máis de 9.000 peregrinos.

A Xunta de Galicia realiza grandes esforzos en conservar e protexer esta Rede de albergues pública con labores de mantemento, reparación e mellora, unido ao mantemento e sinalización do Camiño de Santiago.

Máis de 262.000 Compostelas
En 2015 recolleron a súa Compostela 262.515 peregrinos, o que supuxo un máximo histórico nun ano non Santo e un incremento de máis do 10 por cento en relación aos peregrinos rexistrados no 2014. Máis da metade, o 53 por cento, eran estranxeiros, e contabilizaronse ata 178 países de orixe distintos.

Neste ano, estas cifras van en aumento e no que vai de ano xa chegaron a Compostela máis de 5.000 peregrinos, o que supón un incremento de máis do 28 por cento en relación ao mesmo período do pasado ano.

Deja un comentario