Sábado 18 de Agosto de 2018

O expediente de honras a Estanislao Reveter supera as 800 adhesións, entre elas as do presidente da Xunta, ACO ou ATAVE


Ata o mércores, 15 de marzo, particulares e colectivos poden unirse ao recoñecemento que o Concello promove para louvar á súa traxectoria non sé deportiva, senón social e humana

O expediente de honras incoado polo Concello de Ourense a favor de Estanislao Reverter Sequeiros “Lalao” continúa a sumar novas adhesións. Máis de 800 particulares, federacións, escuderías, institucións, pilotos e copilotos, fundacións, asociacións e empresas expresaron ata hoxe a súa adhesión. Entre as últimas recibidas están as do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a ACO Asociación de Construtores de Ourense e ATAVE Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense.
Aprobado en sesión plenaria do día 6 de novembro de 2015, o expediente de honras ten como finalidade recoñecer o labor realizado por Estanislao Reverter e a súa loita polo desenvolvemento e promoción da nosa cidade en diferentes ámbitos, como o automobilismo, como prestixioso piloto que decoraba os seus vehículos coas cores da bandeira de Galicia e desde 1977 a bandeira que máis tarde sería a oficial.
Ata o mércores, 15 de marzo está aberto o período de exposición pública para que todas as persoas ou entidades que o desexen poidan participar, achegar a documentación xustificativa dos méritos que estimen oportunos, e efectuar as propostas ou informacións que procedan para a xustificación dos merecementos. Deberán facelo a través dun escrito presentado por Rexistro Xeral, do Concello, na Casa do Concello, na Praza Maior.
Estanislao Reverter foi presidente da Federación Galega de Automobilismo, vicepresidente da Federación Española, vogal da Federación Internacional ademáis de empresario do automóbil e da construción e Deputado nas Cortes Españolas de 1977.
Na súa traxectoria como piloto e organizador cómpre salientar as 54 victorias absolutas en probas de diferentes especialidades; 12 participacións no Rally de Montecarlo, como piloto oficial de Rover no ano 1966 e súas victorias no Rally de España-RACE, o das Rías Baixas e Oviedo (actualmente Príncipe de Asturias). Tamén foi piloto da Jolly Club. Recompensado en 1965 coa Medalla de Prata ao Mérito Deportivo e a título póstumo a Distinción ao Merito Deportivo de Galicia.

Deja un comentario