Venres 14 de Agosto de 2020

Medio milleiro de deportistas, nenas/os e adultas/os, participarán este domingo na segunda Miño Radikal, que percorrerá as marxes do río


 

– A nova categoría escolar estréase este ano cunha alta participación de máis de 160 nenas e nenos

 

– A organización ultima os preparativos para que sexa referente en Galicia das carreiras de obstáculos pola súa calidade e singulariedade

 

Ourense, 11 de marzo de 2016

 

Medio milleiro de amantes do deporte de todas as idades, tanto nenas/os como adultas/os, participarán pasado mañá, domingo, día 13 de marzo, na segunda edición de Miño Radikal, que organiza o Consello Municipal de Deportes. Esta é unha actividade de carácter lúdico-festivo-competitivo, que percorrerá os paseos fluviais do río Miño, convidando os/as participantes a afrontar o reto de superar unha proba de obstáculos ao tempo que gozar da beleza paisaxística e natural desta contorna.

 

O certame, nesta a súa segunda edición, aposta este ano por mimar os detalles para que a proba ourensá sexa referente nesta especialidade pola súa calidade e singulariedade, ao percorrer unha das zonas máis fermosas, emblemáticas e identificativas de Ourense, a contorna do río Miño e as súas áreas termais, dun xeito lúdico e competitivo. A aposta busca tamén o deporte para todos, e ábrese a escolares na modalidade Mini-Miño Radikal, que contará neste primeiro ano con 162 menores de 18 anos.

 

A organización agradece a colaboración de entidades patrocinadoras e colaboradoras no desenvolvemento da proba, así como do persoal das concellerías de Infraestruturas e Escola Obradoiro para preparar esta edición. Tamén convida á veciñanza de Ourense a que se anime a ver a proba e desfrutar co extraordinario espectáculo que proporcionan nunha contorna tan fermosa como as marxes do río.

 

A actividade propón un percorrido circular de 12.700 metros no que será preciso superar obstáculos como arañeiras feitas con cordas, neumáticos, tubos, paredes, trincheiras… A saída e meta estará nas inmediacións da Ponte Vella, no Parque da Ponte. O percorrido será ata a pasarela de Outariz con volta e ata a pasarela de Oira para chegar de novo á meta.

 

As persoas adultas tomarán a saída en 5 quendas, entre as 12,00h e as 13,00h. Haberá tres premios individuais: trofeo máis 200, 150 e 100 euros en material deportivo e por equipos mixtos (grupos de 4 integrantes con representación de ambos xéneros). A entrega de trofeos será ese mesmo día no Parque da Ponte ás 14,00h.

 

Proba non competitiva para nenos e nenas

 

Como novidade este ano, o Consello Municipal de Deportes integra nesta actividade a nenos/as e mozos/as menores de 18 anos, coa celebración da I Mini-Miño Radikal.

 

Será tamén unha proba de obstáculos polas beiras do río Miño, aínda que non de carácter competitivo: non haberá clasificación. Si será preciso, en todo caso, inscribirse e recoller o distintivo para poder participar

 

Haberá dúas quendas: A primeira, con saída ás 11h, será para escolares que nacesen entre os anos 2009 e 2005 (103 en total), e que deberán completar 1.300 metros desde a Ponte Vella ata pasarela do Centro Comercial Ponte Vella. A segunda quenda, desde as 11h15, será para escolares (59) de entre os anos 2004 e 1998: 3.500 metros entre Ponte Vella e Pasarela de Oira. A inscrición neste caso será gratuíta.

 

Arranca así unha cita máis coas carreiras para todas/os, que terá continuidade co circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense ou a emblemática Carreira Popular San Martiño.

Deja una respuesta