Mércores 23 de Outubro de 2019

O goberno municipal amósalles aos grupos políticos as alternativas para os contedores de lixo soterrados


Os grupos políticos valoraron en xunta de área, logo de visitar unha illa de contedores no barrio da Ponte, as opcións da última auditoría externa

 

O Concello de Ourense vén de amosarlles aos grupos políticos con representación na corporación local as diferentes solucións para os contedores de lixo soterrados na cidade, un total de 75 repartidos en 45 illas. A exposición das diferentes alternativas, realizada en xunta de área logo de visitar ‘in situ’ unha illa de contedores no barrio da Ponte, realizouse en función da última auditoría encargada polo Concello durante o mes de decembro. Entre as posibles saídas, o Concello mantén a postura de atender dúas variables fundamentais: a legalidade en relación á normativa europea e a seguridade no traballo para os operarios.

A auditoría externa presentada esta mañá aos grupos establece cinco posibles solucións, malia que só dúas cumpren con todos os requisitos legais e de seguridade. Descartadas as opcións de posta en funcionamento (que suporía un custe de 225.835,11 euros, sen IVE), a posta en funcionamento con substitución de contedores interiores (531.608,04 euros, sen IVE) e a posta en funcionamento con substitución selectiva de mecanismos de elevación (849.818,95 euros, sen IVE), todos por incumprimento de normativas europeas ou homologación de infraestruturas, o Concello valora outras dúas posibilidades.

A primeira delas, o cambio da infraestrutura de contedores soterrados por un sistema mecánico de elevación (camión grúa). Esta opción, a máis cara para as arcas municipais (1.324.295,29 euros, sen IVE, dos que 194.810 euros serían para obra civil de adaptación dos ocos), resolvería na súa totalidade os problemas para operarios e viandantes. Os contedores precisarían dun mantemento preventivo, pero máis barato que en calquera das anteriores opcións. Esta opción utilizaría os ocos existentes adaptándoos ao novo tipo de contedor, de dobre gancho.

A outra alternativa valorada polo Concello é a clausura da totalidade das illas de contedores, o que suporía un custe de 435.239 euros (sen IVE), en función das estimacións da consultora encargada da valoración. As actuacións, neste caso, irían dirixidas a encher os ocos que deixan as actuais estacións e a re-urbanizar, ao redor delas, novos espazos urbanos que conteñan contedores de lixo de superficie.

Deja un comentario