Xoves 30 de Xuño de 2022

A Xunta, o Ministerio de Fomento e o concello de Ourense avanzan na coordinación das actuacións necesarias para o desenvolvemento da Estación Intermodal na cidade


 

Ethel Vázquez destaca que o obxectivo é que a cidade de Ourense teña a mellor estación intermodal para que os veciños e turistas poidan facer intercambios de forma áxil e doada entre os distintos modos de transporte

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo unha xuntanza de traballo coa ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, para avanzar na coordinación das actuacións necesarias para o desenvolvemento da estación intermodal da cidade.

Vázquez destacou que a reunión de hoxe supón un paso máis na coordinación da entrada da alta velocidade ferroviaria en Ourense e, polo tanto, en Galicia. Concretou que se trata dunha integración que non se limita á chegada das vías dende a meseta, senón que vai moito máis alá, coa nova estación intermodal de Ourense, da que o Ministerio fará a nova terminal ferroviaria no lugar da actual e na que a Xunta aportará a intermodalidade ao construír ao seu carón a terminal de autobuses.

A conselleira fixo fincapé en que o obxectivo de todos é que a cidade de Ourense teña a mellor estación intermodal para que os veciños e os turistas que se achegan poidan facer intercambios de forma áxil e doada entre os distintos modos de transporte.

A Xunta xa ten consignado o investimento necesario para este proxecto e está a traballar para atopar o deseño máis axeitado. Así, xa se realizou un estudo que elaboraron co máximo rigor técnicos especialistas en infraestruturas e en urbanismo e que determina fundamentalmente o número de dársenas necesarias e a forma de facilitar o tráfico na zona.

Na actualidade, o Goberno galego está a contratar o proxecto construtivo da estación que é o que realmente vai dar o deseño da estación de autobuses e o seu presuposto. Xa se recibiron ofertas de 9 empresas de arquitectura e enxeñería e xa se teñen celebrado tódalas mesas de contratación necesarias, polo que no vindeiro mes de marzo poderase asinar o contrato coa empresa adxudicataria.

Deja una respuesta