Venres 19 de Xullo de 2019

‘Momentos sen tempo’, do escultor Antonio Souto, no Museo Municipal ata finais do mes de marzo


 

A escolla das obras foi feita por e para o espazo museístico

 

O Museo Municipal de Ourense (r/ Lepanto 8) acolle desde mañá a exposición de escultura Momentos sen tempo, obra do autor ourensán Antonio Souto. Trátase de medio cento de obras creadas por e para o espazo museístico con materiais pesados coma o ferro ou o aceiro na que amosa unha elegante gradación de cores nos diferentes estados do metal, así como numerosos bocetos do seu estudio.

Momentos sen tempo permanecerá nas salas I e II ata o 27 de marzo, e con ela “tentamos achegar un completo catálogo da programación artística da cidade para a cidade, e que neste caso xorde a partir da obra que permanece nos fondos do Museo Municipal”, en palabras da concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias. “O Museo Municipal”, dixo, “quere ser o escaparate dos artistas da cidade e que, como Antonio, fan que Ourense amplíe o seu legado cultural”.

Na exposición, Souto “amósalle ao público a súa reflexión máis íntima”, segundo explicou Eva Torres, técnica de Áreas Expositivas e Espazos Museísticos do Concello de Ourense, “elementos metálicos que constitúen a substancia básica do que vemos plasmando, dunha forma escultórica, un movemento puramente arquitectónico”.

A inauguración oficial da exposición será mañá xoves ás 20:15 horas coa oportunidade de facer un percorrido pola sala acompañando o escultor.

Deja un comentario