Mércores 10 de Agosto de 2022

O festival Pórtico do Paraíso estenderase pola provincia de Ourense do 4 ao 13 de marzo


 

Xunto a espazos coma a Catedral ou a Igrexa de Santa María Nai, o Pórtico achégase a San Pedro de Rocas e ao mosteiro de Celanova

 

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu, esta mañá, a presentación do IX Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, que se desenvolverá do 4 ao 13 de marzo cun programa “orixinal e ecléctico”, en palabras do seu director artístico, Juan Enrique Miguéns, no que aparecen destacados nomes da escena clásica coma os franceses Les Éléments, a arpa de Manuel Vilas ou o dúo húngaro Katona Twins, alén da conferencia de Cecilia Rodrigo. Porén, a novidade máis importante deste Pórtico do Paraíso é a incursión noutras vilas da provincia: Así, haberá concertos nos mosteiros de San Salvador de Celanova e no de San Pedro de Rocas, en Esgos. “Este festival medra en contidos, espazos e oferta musical consolidándose coma un dos eventos culturais máis atractivos da programación, aberto aos cidadáns e pensado para as persoas”, declarou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación.

O anuncio do festival contou tamén coa participación de Jacobo Sutil, director da Agadic da Xunta de Galicia, e do deputado provincial Manuel Doval. Se o primeiro destacou a “posta en valor do noso patrimonio arquitectónico” como valor engadido á música, o segundo apuntou ao deber das administracións para coordinarse e ofrecerlle ao cidadán “cultura e educación, que sempre deben estar na primeira liña das prioridades”.

O Pórtico do Paraíso, que inclúe no programa 7 actuacións de carácter gratuíto e unha de pago (a do quinteto Spanish Brass Luur Metalls, o domingo 13 no Teatro Principal), aposta nese sentido por potenciar actividades musicais, divulgativas e de carácter didáctico: Xunto ás actuacións musicais, haberá encontros de Manuel Vilas e laReverdie con alumnos do Conservatorio de Música, e destaca no programa a conferencia de Cecilia Rodrigo (luns 7 de marzo, no Liceo), filla única do mestre Joaquín Rodrigo, e presidenta da ‘Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo’, dedicada a impulsar a investigación sobre Joaquín Rodrigo e facilitar o acceso á valiosa información contida no fondo informatizado do seu arquivo.

Juan Enrique Miguéns, director artístico do Pórtico do Paraíso, destacou a pluralidade de espazos e a calidade dos intérpretes, comezando polo concerto inaugural: “un repaso da polifonía portuguesa e española desde o Renacemento” a cargo dos franceses Les Éléments. Ademais, advertiu da singularidade do aforo de San Pedro de Rocas, axeitado para un máximo de 40 persoas, e que requerirá inscrición previa no info@porticodoparaiso.com malia que haberá 3 pases en total.

Catedral de Ourense, Liceo, Igrexa de Santa María Nai, Museo Arqueolóxico, Liceo, Teatro Principal, Conservatorio e mosteiros de San Pedro de Rocas e San Salvador de Celanova serán pois os espazos desta novena edición do Pórtico, que contará cun orzamento de 63.000 euros, unha partida inferior á de 2015 (de 90.000) pero que se suplirá con “máis calidade e aforro en elementos que non están á vista dos cidadáns”, segundo Miguéns. O obxectivo, superar as 3.400 persoas que asistiron o pasado ano ás actividades do Pórtico.

Deja una respuesta