Sábado 18 de Agosto de 2018

A Xunta licita hoxe actuacións de mellora de seguridade viaria en estradas dos concellos de Verín, Monterrei e Maceda mediante o investimento de máis de 300.000 euros


Ethel Vázquez explica que a mellora do acceso ao Castelo de Monterrei e ao Parador de Verín non só suporá un incremento da seguridade viaria, senón tamén “unha aposta polo desenvolvemento turístico e económico desta comarca”

A Xunta licita hoxe actuacións de mellora de seguridade viaria en estradas dos Concellos de Verín, Monterrei e Maceda mediante o investimento de máis de 300.000 euros. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o alcalde, José Luís Suárez, visitou hoxe a estrada de acceso ao Castelo de Monterrei, na que o Goberno galego executará melloras.

A conselleira de Infraestruturas explicou que se trata duns traballos de acondicionado de 2 km. que, ademais de mellorar a seguridade viaria desta estrada, supón “unha aposta polo desenvolvemento turístico e económico desta comarca interior de Galicia”.

As obras de mellora do acceso ao Castelo de Monterrei e ao Parador de Verín consistirán na reparación do firme da estrada, así como na optimización da sinalización.

Este proxecto inicia hoxe o seu proceso de contratación, coa publicación da licitación das obras no Diario Oficial de Galicia (DOG), do mesmo xeito que as outras actuacións incluídas no contrato co obxectivo de incrementar a seguridade viaria en estradas dos concellos de Verín, Monterrei e Maceda.

Este paquete de melloras de seguridade viaria que hoxe se licitan correspóndese con 7 km de estradas entre as que se inclúen este acceso do parador así como as travesías de Albarellos, en Monterrei; Maceda; e Verín, na avenida de Laza.

Cómpre lembrar que o prazo de admisión das proposicións para executar estes traballos rematará o vindeiro 22 de febreiro.

A responsable de Infraestruturas indicou que estes investimentos permiten que as estradas da Xunta de Galicia estean en óptimas condicións, incidindo na seguridade viaria e na comodidade na condución, beneficiando polo tanto aos veciños de Verín, Monterrei e Maceda, neste caso.

Deja un comentario