Luns 24 de Xuño de 2019

O Concello amplía a toda a cidade as actividades infantís para o Nadal e abre a porta á conciliación laboral e familiar


Bibliotecas Municipais, Escola de Artes Escénicas, Auditorio, Aula da Natureza de Oira e Museo, espazos que se suman á oferta de lecer

 

“Ampliar os espazos a toda a cidade, facer máis actividades e abrir o abano de horas”. Son as tres ideas nas que quixo facer fincapé a concelleira de Educación e de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, na presentación das actividades de Nadal para o público cativo dentro da campaña Ourense con luz propia. Así, Bibliotecas Municipais, Aula da Natureza de Oira, Escola Municipal de Artes Escénicas e Museo Municipal amplían a súa oferta de actividades para realizar obradoiros dirixidos ao público infantil concentrados nos días 21, 22, 23 e 28, 29, 30 de decembro, así como os 4 e 5 de xaneiro.

Se na biblioteca da Ponte confeccionarán un belén con plastilina, na da Carballeira leranse contos para coñecer a figura do Apalpador e haberá mercados de troco, e nas de San Francisco e O Couto haberá actividades de animación á lectura. Na Aula da Natureza incidirase nas tres R -Reciclar, Reutilizar, Reducir-, mentres que o Museo Municipal levará a cabo unha innovadora actividade de creación de hábitos de coidado e de respecto pola Arte. Así mesmo, a Escola Municipal de Artes Escénicas acollerá obradoiros de creación de adornos de Nadal… Actividades dirixidas todas elas a un público entre os 6 e os 12 anos.

No referente ás actividades culturais, a concelleira quixo destacar “a conciliación familiar en Nadal” con actividades para todas as idades a través das funcións do Auditorio, entre as que destaca a MOTI, o ballet do Lago dos Cisnes, o certame de Panxoliñas de Nadal ou as actuacións de Priscila edición Nadal polos barrios da cidade.

Cartel de Nadal
Todas estas actividades concretas están recollidas nun programa que preside a imaxe gañadora do concurso de carteis do Nadal, que recaeu no debuxo realizado por Paula Gómez Valencia, do Colexio Padre Feijóo Zorelle da cidade. A autora do cartel estivo acompañada polos seus pais e profesores, aos que a concelleira Belén Iglesias quixo agradecer a súa colaboración por inculcarlle aos nenos os valores e as ganas de participar.

Deja un comentario