Sábado 18 de Agosto de 2018

O Concello de Ourense súmase á campaña de concienciación de Stop Accidentes: “Se conduces, non bebas”


 

O alcalde, Jesús Vázquez, e a concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, acompañaron ao responsable de Stop Accidentes Ourense, Benito Bouzada, na presentación desta campaña de cara á proliferación de comidas e ceas de Nadal

 

“Se conduces, non bebas” é o lema da campaña de prevención e concienciación que hoxe foi presentada no Salón de Plenos do Concello de Ourense. Nesta iniciativa da Asociación Stop Accidentes, colaboran tamén a Federación de Comercio, a Xefatura de Tráfico e o Concello de Ourense.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, lembrou a importancia de campañas como esta en datas tan sinaladas como as de Nadal, “Esta iniciativa de Stop Accidentes recibe todo o noso apoio e colaboración porque a Seguridade Vial é algo no que todos e todas nos debemos involucrar de xeito firme. Os accidentes, sempre digo “mal chamados accidentes, porque se poden evitar”, son sinistros que, mediante a prevención, moitas veces nunca chegarían a producirse”, recalcou o rexedor.

“E por iso estamos todos aquí, apoiando unha campaña que busca, precisamente, conxugar a diversión, os brindis cos amigos e a festa coa seguridade. Concienciando da necesidade de non coller o coche cando se consume alcohol. Lembrando que sempre é mellor utilizar o transporte público que xogarnos a vida na estrada. Que un Feliz Nadal só o é cando o celebramos todos, sen ninguén que marche antes de tempo”, concluiu Jesús Vázquez.

Segundo Benito Bouzada, responsable de Stop Accidentes, “con esta campaña non queremos perxudicar ao sector da hostelería, pero en materia de seguridade vial todos debemos involucrarnos porque non debemos esquecer que o que está en xogo son vidas humanas”. E aproveitou tamén para reclamar a “taxa cero de alcol”, como está implantada en diversos países europeos.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Comercio, Aurelio Gómez Villar, sinalou que “si esta campaña sirve para salvar unha sola vida, xa terá merecido ben a pena colaborar nela”. Do mesmo xeito, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente, lembrou que aínda que as cifras de sinistros provocados polo alcohol baixaron na provincia nos últimos anos, “temos que seguir traballando para erradicar esta causa”, polo que louvou a campaña pola súa idoneidade, sobre todo nas datas actuais, nas que as celebracións provocan máis desprazamentos.

Deja un comentario