Luns 19 de Agosto de 2019

Presentada a XII Mostra de Teatro Infantil de Ourense, cunha vintena de espectáculos para os máis cativos


Desenvolverase os días 19 de decembro, co desfile inaugural polas rúas da cidade, e continuará dos días 26 ao 30 ininterrompidamente

 

A 12ª edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI) comezará o vindeiro sábado 19 de decembro co desfile Maremoti (ás 19:00 horas, desde o parque de San Lázaro, a cargo de Trécola Teatro) polas rúas da cidade, apenas un aperitivo do que virá para a semana do 26 ao 30 de decembro: 22 espectáculos a cargo de 18 compañías, 11 delas galegas xunto coas de Andalucía, e outras de Castela e León, Euskadi, Madrid, Comunidade Valenciana e Cataluña. Cómpre destacar, ademais, o grande abano de idades para as que vai dirixida esta edición, que pretende captar público desde 1 ano até os 12 anos.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quixo destacar na presentación da MOTI, celebrada esta mañá na Vicerreitoría do Campus de Ourense, que “toda actividade que presentemos pensada para os máis pequenos, sobre todo nestas datas festivas que se aveciñan, é unha excelente noticia”. A MOTI celebrarase en varias sés pertencentes a distintas institucións: Auditorio Municipal, Teatro Principal e Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. “A cooperación institucional é un piar básico para desenvolver proxectos pensados no beneficio da maioría das persoas”, destacaba neste sentido Belén Iglesias.

O Auditorio Municipal, polo que só na ponte da Constitución pasaron un total de 2.796 persoas, convértese un ano máis no espazo de referencia da MOTI, unha continuación lóxica da súa programación infantil. A área de Belén Iglesias aposta decididamente cunha achega de 18.500 euros -ademais do persoal técnico do auditorio-, incluíndo a programación dentro das actividades infantís da campaña de Nadal Ourense con luz propia.

Entradas e recomendacións
O rango de prezos vai dos 3 aos 4 euros, e recoméndaselle aos adultos que haxa, cando menos, unha persoa responsable acompañando os cativos. Ademais, debido á montaxe especial de certas funcións, recoméndase chamar para asegurarse. En calquera caso, cada espazo pon á venda as entradas para as funcións que se desenvolven nese espazo desde o primeiro día para todos os días ata a finalización das mesmas por rigorosa orde de venda. No caso das actividades do Campus, a recadación será doada a UNICEF.

Deja un comentario