Venres 14 de Agosto de 2020

‘Alexandro, Ourense-2015’, ata febreiro na sala Valente


A mostra, que se inaugura hoxe ás 20:30 horas, está composta por 24 lenzos de grande formato e 30 láminas

A sala Valente inaugura esta tarde a última exposición de Alexandro, un compendio 24 obras pictóricas de grandes dimensións, a máis grande de 3,80×2,50 metros, e dunha colección de 30 láminas tamaño A3. Figurativo, como a el lle gusta que o definan, pese ao abstracto das súas pinceladas, “forma parte dunha das máis luminosas xeracións artísticas da nosa cidade, a d’Os Artistiñas, e o seu nome vai intrínsecamente ligado aos de Vidal Souto, Quessada, Virxilio… pero tamén aos de Acisclo ou Buciños, nomes propios que enchen de contido a biografía artística desta cidade nos últimos anos”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación da exposición que permanecerá aberta ata o mes de febreiro.

“Os tamaños das obras están especialmente pensados para este espazo”, comentaba o artista Alexandro na presentación, “a sala Valente é un luxo para calquera pintor”. Non en van, leva dous anos traballando no seu taller de Muxía coa cabeza posta en Ourense. Porén, chegar a este punto de definición pictórica que presenta na exposición “levoume toda a vida”, confesa.

A súa especial forma de plasmar as imaxes, non necesariamente a realidade, é a substancia básica do que vemos plasmada cunha textura cromática clásica e coa técnica do óleo, que conforma todo o que crea en movemento xestual pictórico. “Na metade dos cadros que hai na exposición xa tería pintado enriba deles”, dixo o autor entre risas, agardando que esta nova proposta teña tan boa acollida entre o público ourensán coma todas as que leva exposto ata o de agora na cidade.

Deja una respuesta