Xoves 22 de Agosto de 2019

Xavier Queipo enaltece “á Galicia emigrante” na entrega do XXXIV Premio de Novela «Blanco Amor»


No acto, que tivo lugar esta tarde no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense o autor de Os Kowa destacou “a importancia da herdanza migratoria” e do “biligüismo harmónico que os galegos levaron e levan polo mundo”

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu esta tarde o acto de entrega do XXXIV Premio de Novela “Eduardo Blanco Amor”, que organiza a Deputación de Ourense, e que este ano outorgou o galardón ao escritor Xavier Queipo pola súa obra Os Kowa. O xurado, que ditaminou por unanimidade conceder o premio a Xavier Queipo, estivo integrado polos escritores Luis González Tosar e Bieito Iglesias; a profesora Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas.

O premio ten unha dotación económica de 12.000 euros, outorgándoselle asemade ao premiado unha obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.

Queipo dedicou o premio “á Galicia emigrante”, destacando “a importancia da herdanza migratoria” e do “biligüismo harmónico que os galegos levaron e levan polo mundo”. O autor, que reside desde hai 26 anos en Bruxelas dixo que a emigración lle deu como herdanza “ás e raíces para sentirme galego alí onde estivese, para ter sempre un ollo en Galicia e tamén para amar a cidade onde se habita”.

Queipo agradeceu á Deputación de Ourense e ao xurado “o rescate deste premio, tan importante das letras galegas” e rematou afirmando que levará “nas ás ese pulo e ese alento hoxe recibido”, desexando aos asistentes “que sexan felices e diferentes”.

Pola súa banda, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, subliñou que hoxe “é un día importante para a nosa literatura e tamén para Ourense porque estamos a devolverlle a un dos nosos máis grandes escritores un pouquiño do que el nos achegou coa súa obra”. Baltar lembrou que de neno coñeceu a Blanco Amor, “como veciño que era das Lagoas, e falo agora a metros da Fonte do Rei, escenario dunha das obras máis importantes da nosa literatura, A Esmorga”.

Manuel Baltar afirmou que Ourense e o ourensanismo “están nos libros de Blanco Amor, non son casualidades nin anécdotas. Aínda máis, el fixo, conscientemente, de Ourense e da ourensanía a súa principal materia literaria”, e dixo que continuamos “na liña de posta en valor, de reivindicación e de compromiso coa figura e coa obra de Eduardo Blanco Amor, na que a Deputación de Ourense ten estado sempre achegando os recursos necesarios para que a memoria viva de quen recreou e elevou a Auria, perdure e teña maior difusión”.

Baltar afirmou que tamén estamos dispostos a engadir a ese mundo blancoamorián o presente galardón, “que organizamos con moito gusto e que con trinta e catro edicións de andadura constitúe o fundamento da novela galega do século XXI, da que forma parte como principal activo, Xavier Queipo, a quen lle reitero a miña noraboa e a disposición de colaborar para que a súa novela, Os Kowas, teña a edición e a difusión que se merece. A lingua e a cultura de Galicia son o fundamento da nosa identidade e, como tal, debemos comprometernos con feitos tanxibles, con realidades que permitan avanzar e normalizar, moito máis que con palabras e boas intencións”.

A obra premiada nesta edición, Os Kowa, é «unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade», afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado.

Xavier Queipo, natural de Padrón e residente en Bruxelas é un novelista de longa traxectoria dentro da literatura galega.

Luis González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado «pola participación e a calidade das obras presentadas», e engadiu «agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición».

No pasado ano 2014, cando se cumprían 35 anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, polo que, entre outras accións, decidiuse asumir a organización deste premio literario, e a creación dunha fundación co nome do escritor para a difusión e valorización da súa obra.

Deja un comentario