Venres 14 de Agosto de 2020

Nava Castro destaca o prestixio acadado polo Centro Superior de Hostelería de Galicia na súa cerimonia de graduación


A directora de Turismo de Galicia presidiu o acto que tivo como padriño de cerimonia a Alejandro Bernabé, director de Kempinski Hoteles

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu o acto de graduación dos alumnos da décimo sétima promoción do Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras, da vixésima promoción do Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña e da primeira edición do Diploma Superior en Xestión Hoteleira do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

No acto, que estivo apadriñado polo director de Kempinski Hoteles, Alejandro Bernabé, e contou coa presenza do reitor da USC, Juan Viaño, entregáronse os diplomas así como os premios aos mellores proxectos de viabilidade desenvolvidos polos alumnos.

A directora de Turismo, Nava Castro destacou na súa intervención a importancia da formación para acadar un sector turístico máis competitivo e tamén na busca da excelencia como factor diferencial.

Nava Castro resaltou o gran prestixio acadado polo Centro Superior de Hostelería de Galicia, así como a formación moderna e adaptada á realidade que imparte. “O elevado índice de empregabilidade dos titulados unido á amplitude das saídas profesionais e as colaboracións coas máis reputadas cadeas hoteleiras do mundo fan que o Centro haxa acadado un gran prestixio”, afirmou.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que, grazas á metodoloxía do Centro Superior de Hostalería de Galicia, que combina a ensinanza teórica coa práctica, os alumnos rematan os seu estudos completamente preparados para embarcarse con profesionalidade no actual mercado laboral tan competitivo.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia destacou que a visión dos novos graduados aportará ao sector capacidade de innovación e un futuro prometedor.

Un centro de referencia internacional
Máis de 2.000 profesionais xa se graduaron no CSHG, no que ademais se desenvolven actividades formativas e labores de consultaría e exportación do seu modelo formativo. Os profesionais que saíron do centro nos seus máis de 20 anos de funcionamento desenvolven a súa labor profesional en máis de 60 países do mundo, acadando cada ano unha inserción laboral superior ao 85% no ano seguinte de rematar os estudos.

Deja una respuesta