Sábado 01 de Outubro de 2022

‘Juanita Calamidad’ e ‘Por humor al arte’, espectáculos destacados desta semana no Auditorio Municipal


Actividades infantís, semana audiovisual do Club Alpino Ourensán e unha exposición pertencente ao Outono Fotográfico completan a oferta destes días
Rematado o Festival de Cine, prosegue a intensa actividade cultural para estes días no Auditorio Municipal. Como espectáculos destacados hai teatro o xoves ás 20:30 horas da man de Juanita Calamidad, obra na que a protagonista vive o presente e nunca lle fai feos a unha festa. As entradas están a venda por 8 €.

O sábado a partir das 20:30 horas, o humor conquistará o Auditorio con dous dos cómicos máis senlleiros do noso país como son Paco Arévalo e Bertín Osborne. Por humor al arte terá cancións, música en directo e divertidas historias que farán pasar un tempo inesquecible con e para toda a familia. As entradas pódense adquirir por 24 €.

O domingo ás 12:00 horas seguimos fieis á nosa cita cos máis pequenos e coas súas familias cunha nova actividade de programación infantil. Hansel, Grettel y la Casita de Chocolate, dirixida a público a partir de 4 anos. As entradas están á venda por 8 €.

A maiores, esta semana o Auditorio tamén acolle as proxeccións do Club Alpino Ourensán. 17º edición xa desta actividade que entre o martes e o venres a partir das 20:30 horas, e de balde, traerá documentais e coloquios sobre o mundo da escalada.

No apartado expositivo, o mércores inaugúrase no Auditorio a exposición Miradas do presente ou pegadas do pasado?, organizada pola agrupación fotográfica Fotosíntese, en colaboración co Arquivo Visual Ourensán, enmarcada no Outono Fotográfico.

Ademais, o venres teremos unha cita coa literatura, máis concretamente coa poesía, xa que a nova escritora ourensá, Tamila Alem, presenta o seu primeiro poemario: Darling Bolboreta. Será ás 19:30 horas e contará cunha actuación musical.

Deja una respuesta