Xoves 30 de Xuño de 2022

O Concello de Ourense aposta pola educación dos cativos en lingua galega cunha xornada de formación


Dirixida ao persoal de escolas infantís (0-6 anos), profesionais titulados en Educación Infantil e estudantes, forma parte do programa Apego
O Concello de Ourense, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza este sábado 28 de novembro na sala Valente unha Xornada de Formación para a achega de recursos educativos en lingua galega. Esta actividade, encadrada dentro do programa Apego -do que tamén forman parte as representacións teatrais para bebés que teñen lugar no Auditorio-, e en colaboración coa entidade ALÍ de recursos en galego para a educación infantil, está dirixida ao persoal das escolas infantís (0-6 anos), estudantes e profesionais titulados en Educación Infantil.

A xornada consistirá na divulgación de diferentes recursos educativos en galego para a educación infantil atendendo a diferentes aspectos: idade (0 a 1, 1 a 3 e 3 a 6), competencias (comunicación lingüística, matemática, coñecemento da contorna, dixital, social, cultural e artística, aprender a aprender, autonomía e iniciativa e mais a competencia emocional), tipo (texto, música, xogos ou audiovisual) e tema (materiais que poden ser de utilidade en datas sinaladas ou para tratar temas habituais nas aulas de educación infantil coma os animais, as estacións, o Entroido, o Nadal…

A xornada celébrase na sala Valente, na rúa do Paseo, en horario de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h. As persoas interesadas deben inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello (normalizaciónlingüística@ourense.es tlf:988391290), xa que hai prazas limitadas (25).

Deja una respuesta