Sábado 21 de Setembro de 2019

A Xunta preséntalle ao Concello de Ourense o proxecto da primeira fase das obras na Ponte Vella


 

O alcalde de Ourense e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo

 

A Xunta presentoulle esta mañá ao Concello de Ourense o proxecto da primeira fase das obras na Ponte Vella, no transcurso dunha xuntanza de traballo entre o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.
Este proxecto está baseado na execución dunha serie de actuacións que contribúen ao bo mantemento do que é un dos principais emblemas e reclamos turísticos da cidade.
Así, na pasada primavera realizáronse os labores de limpeza máis urxentes, e continúase agora coas medidas programadas para a posta en valor deste ben patrimonial.
Este proxecto, dentro da primeira fase, competencia da Consellería de Infraestruturas, contempla a reparación da calzada e a renovación da iluminación da ponte. Esta primeira fase complementarase coa parte que asumirá a Consellería de Cultura, tal e como explicou o alcalde, Jesús Vázquez. Tamén avanzou que a execución das obras non interferirá demasiado no tráfico peonil que transita a diario por esta ponte, xa que o cambio no adoquín se fará por pequenos tramos, permitindo así o paso.
Polo que respecta á calzada, igualarase o pavimento, empregando como único material o adoquín. Como medidas complementarias eliminaranse os graffitis pintados na ponte e nas edificacións anexas e retiraranse os elementos engadidos á fábrica da ponte.
A responsable de Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou que a actuación máis ambiciosa será a substitución da iluminación, xa que a actual quedou obsoleta e mingua o valor estético do monumento. Precisou que se substituirán as actuais luminarias e os grandes focos que proxectan a luz cara aos alzados da ponte; e optarase por sistemas de leds, que mellorarán a estética, realzando a monumentalidade da estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética, un aforro no consumo e unha menor contaminación lumínica.

Deja un comentario