Xoves 30 de Xuño de 2022

‘Arte e Solidariedade’, 25 anos do Proxecto Home en Galicia, nova exposición do Museo Municipal


As 53 obras expostas están todas á venda. A recadación é solidaria: servirá para que Proxecto Home siga desenvolvendo o seu labor social

 

O Museo Municipal acolle desde hoxe a exposición ‘Arte e Solidariedade’, unha escolla de 53 artistas de Ourense comprometidos con Proxecto Home no seu 25 aniversario. Os artistas ceden as súas obras para recadar fondos para a integración e rehabilitación social que leva a cabo esta institución. Só en Ourense, onde se instalou en 1997, atendeu 5.907 persoas. Máis de 3.000 persoas iniciaron tratamentos, das que 1.566 lograron reinsertarse social e laboralmente de forma satisfactoria.

“Esta iniciativa permítenos seguir dialogando coa sociedade, ao tempo que sensibilizar sobre a importante labor que vimos realizando”, aseguraba Ramón Gómez Crespo, director de Proxecto Home Galicia, na presentación da exposición. Así, “quen merque arte non só levará un produto de grande valor para a súa casa, estará solidarizándose cunha empresa que nace co obxectivo de axudar”, dixo.

A mostra, comisariada por Manolo Figueiras, é unha intervención plural expositiva de estilos, técnicas e soportes distintos, na que prima sobre todo a empatía dos propios artistas co labor de Proxecto home. Permanecerá aberta até o 13 de decembro no segundo andar do Museo Municipal.

O labor de Proxecto Home en Galicia
En 25 anos, Proxecto Home Galicia conta cun balance de 35.965 persoas usuarios dos programas terapéuticos, dos que 19.327 iniciaron tratamentos e 8.000 acadaron a súa rehabilitación e inserción socio laboral. “Nun principio combatíamos a droga, agora traballamos máis con adiccións”, comentaba Gómez Crespo, “desde drogadicción, coma sempre, ata ludopatías ou compras compulsivas”.

Deja una respuesta