Domingo 23 de Setembro de 2018

Feijóo adianta que a xunta aboará a partir de mañá o maior anticipo da PAC da historia de Galicia, máis de 65 m€ que beneficiarán a 26.000 gandeiros e agricultores


 

Precisa que a contía destas axudas supón o dobre do que se anticipou en 2013 (32,6 millóns de euros), e o 82,4% máis do anticipo que se deu en 2014, que foi de 35,8 millóns de euros

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que a Xunta aboará a partir de mañá o anticipo das axudas da Política Agraria Común que será, dixo, o maior da historia de Galicia, tanto en número de beneficiados, posto que chegará a 26.007 gandeiros e agricultores, como polo importe, que ascende a un total de 65,3 millóns de euros. Isto converte a Comunidade, engadiu, na primeira Autonomía en aboar este importe.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, Feijóo precisou que a contía destas axudas supón o dobre do que se anticipou en 2013 (32,6 millóns de euros), e o 83% máis do anticipo que se deu en 2014, que foi de 35,8 millóns de euros. Unhas axudas que, segundo explicou, a Xunta pagará de xeito conxunto coa axuda acoplada do sector lácteo, que é estratéxico para Galicia.

Nesta liña, salientou que en Galicia o número de beneficiarios é moito maior ca noutras comunidades onde as axudas están máis concentradas, e destacou que a porcentaxe de galegos que reciben o anticipo da PAC está 11 puntos por riba da media das autonomías que pagan este importe. Ademais, sinalou que outra diferenza é a modalidade de pagamento, posto que, fronte ás que optaron por facer pagamentos parciais dun terzo dos importes máximos autorizados, Galicia realizará o pagamento dunha soa vez, para achegar certeza e seguridade ao sector.

O titular da Xunta indicou que os 65,3 millóns de euros corresponden a tres conceptos diferentes: o Pagamento Básico aos Agricultores; o Pagamento Verde, destinado aos gandeiros e agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente; e a axuda acoplada ao sector lácteo.

Segundo sinalou, o importe total poderá subir nas vindeiras semanas cando se subsanen as solicitudes con deficiencias como falta de documentación ou duplicidades de parcelas. Non obstante, apuntou, para recibir este pagamento non será necesario que estean rematados os controis sobre o terreo, pero si os controis administrativos.

Feijóo explicou que a Comisión Europea autorizou a que se axilizase o pagamento do anticipo da PAC ante a difícil situación financeira que están a vivir certos sectores agrícolas. E con este mesmo fin, Bruxelas tamén permitiu que o anticipo puidese elevarse ao 70% da axuda total.

Xunto con isto, adiantou que a Xunta tramitará mañá a petición adicional de 7,1 millóns de euros de indemnizacións compensatorias, para compensar os custos adicionais e as perdas de ingresos que supón a produción agrícola en zonas de montaña e outras zonas desfavorecidas. Esta axuda, agregou, contribuirá a paliar os problemas de tesouraría que veñen arrastrando os nosos empresarios agrícolas en canto non se estabilicen os mercados.

Colaboración entre o Goberno e as Comunidades Autónomas
A axilidade na tramitación destas axudas foi posible, dixo, grazas á xestión compartida entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas, xa que este é o primeiro exercicio en que as axudas da PAC se tramitan a través dunha aplicación informática conxunta elaborada entre o Ministerio e as autonomías. Isto supón un importante aforro de custos, posto que Galicia non achega máis de 60.000 euros a unha plataforma que custa máis de 10 millóns de euros; e garante, ademais, a integridade e a seguridade da xestión das axudas públicas.

Feijóo concluíu salientando que estas axudas son unha mostra máis do esforzo que a Xunta está a dedicar ao agro galego e, concretamente ao sector lácteo, no que leva investido xa, ao longo deste ano, 148 millóns de euros. Ademais, destacou outras medidas como a promoción da marca Galega 100%, a achega de 30 millóns de euros para o desenvolvemento industrial do sector, e o Plan de desenvolvemento rural 2015-2020, que supón un investimento de preto de 1.600 millóns de euros.

Deja un comentario